Adolfo Caamaño faise co Premio Modesto R. Figueiredo

O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, Estíbaliz Espinosa, Ana Cabaleiro, Agustín Agra, Rubén Eiré e David Otero, recoñeceu o seu relato  Derradeiras paisaxes do Conde
O escritor Adolfo Caamaño. Foto: AELG.
photo_camera O escritor Adolfo Caamaño. Foto: AELG.

O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, co relato Derradeiras paisaxes do Conde, pola súa proposta orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado– dende unha perspectiva inédita

O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.

Nesta edición de 2020, que atrasou a súa data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos accesits: para Esteban Brea Castro (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cunha proposta anovadora e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou “o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta”.

O xurado emitiu o fallo no mediodía do día 6 no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio– os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos. 

Comentarios