Admitida a trámite a demanda do Concello de Santiago contra a familia Franco

Reclama dúas esculturas do Mestre Mateo en mans dos Franco.

mestre mateo
photo_camera mestre mateo

Un xulgado de primeira instancia de Madrid admitiu a trámite a demanda civil presentada polo Concello de Santiago de Compostela contra os Franco polas dúas esculturas do Mestre Mateo que esta familia ten no seu poder, segundo adianta a Cadena Ser.

Na argumentación xurídica da demanda, o Concello "contrapón que as pezas foron compradas polo Concello de Santiago nunha acción perfectamente legal e documentada, mentres que non existe ningún documento que xustifique que as dúas esculturas acabaran no poder da familia Franco".

 Na demanda pídeselle ao xulgado que declare que as dúas esculturas pertencen ao Concello de Santiago e que se condene a Carmen Franco a que as devolva á Corporación municipal para sexan obxecto de exposición permanente no Museo da Catedral de Santiago.

A demanda presentada hai un mes inclúe informes de expertos que identifican as esculturas de Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel e contextualízanas historicamente. A asesoría xurídica do Concello trata, ademais, de adiantarse a posíbeis argumentos de defensa da Familia Franco como que o delito prescribise. Mais iso non pode suceder pois son bens que fan parte do patrimonio do Estado, non prescriben.

Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel son dúas pezas feitas no séculos XII e XIII polo Mestre Mateo. Dúas pezas talladas entre 1188 e 1211 por Mateo para que figurasen no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela

Comentarios