venres 30/07/21

Adiviña adiviñanzas, por Antón Cortizas

O profesor e escritor Antón Cortizas vén de publicar con Editoral Galaxia 'Adiviña esta adiviña', un monográfico onde recolle composicións de tradición oral galega, creacións infantís tradicionais e propias. Ademais, engade un apartado para que a lectora ou lector poida formar parte do libro engandindo as súas propias adiviñanzas.
Antón Cortizas
Antón Cortizas

"Cal é a cidade que ten un erro no medio?" Esta é unha das adiviñas que forman parte do monográfico Adiviña esta adiviña, realizado por Antón Cortizas  (Ferrol, 1954) e que acaba de publicar Editorial Galaxia

Un total de 340 adiviñas divididas en sete "gabetas" enchen de dúbidas e repostas a mentalidade de quen o lea. "O bonito deste libro é que a propia lectora, alén de exercitar a mente, tamén pode formar parte da publicación", indica o profesor xubilado en conversa telefónica con Nós Diario

Cortizas comeza o libro cunha colección de adiviñanzas de tradición oral. "Os meus alumnos, por aquel entón, que eu xa son un xubileta, axudáronme a recoller estas composicións en galego, pasadas de xeración en xeración. Ademais, tamén fixen a miña parte de investigación, onde contei coa axuda doutros autores como Paco Martín", indica o escritor. 
Dentro dun dos exercicios nun taller realizado por Cortizas no colexio ferrolán CEIP Isaac Peral, "sorprendeume que, malia ser unha clase onde ningunha crianza falaba galego a diario, todas conseguiron recadar decenas de adiviñanzas de tradición oral no noso idioma", conta. 

Este taller, alén de valer para a recolección tamén serviu para que o alumnado creara as súas propias adiviñanzas, un total de 44, que están recollidas no libro con cadansúa autoría.  

Cálculos matemáticos 

Noutro dos apartados da publicación, o profesor céntrase en aquelas adiviñanzas que, para lograr a resposta, precísase facer un cálculo matemático, “algúns máis complexos que outros”. 

Un dos exemplos que nos facilita Cortizas é “catro gatos no tellado, cada gato mira a tres, cantos gatos veñen ser? Poderíanos levar a pensar que debemos multiplicar tres por catro, mais a resposta correcta non é doce, senón catro, porque cada un deles mira os tres felinos que están no tellado”, explica o ferrolán.

Na súa procura de adviñas, o autor chegouse a sorprender por como, na tradición oral galega, poden pasar de xeración en xeración composicións que implican maiores cálculos, como é unha ecuación de primeiro grao. “Nun campeiro estaba unha manda de pombas e veu un gabián que se pousou canda elas e dixo ‘bo día cen pombas’ e respondeu unha das pombas ‘non; nós, outras tantas como nós, a metade de nós, unha cuarta parte de nós e contigo gabián, as cen pombas serán’ , eu non sei como respondería unha persoa que nunha fixo unha ecuación de primeiro grao”, abráiase Cortizas.

Outro dos apartados do libro céntrase en adiviñas cunha composición máis narrativa, “onde a propia resposta non é unha simple palabra, senón nunha frase ou algo máis elaborado”, indica. 

Todo este mundo “tan divertido e bonito” fixo que o propio autor se dedicase a crear as súas propias adiviñanzas e, por iso, creou un apartado de composicións orixinais. “Cal é a palabra que nunca se pronuncia? Este estilo tradicional de xogar coa estrutura da frase fai que moitos nos confundamos á hora de pensar na resposta, que, por certo, é nunca”. Entre os aspectos que tamén destaca o autor destas adiviñanzas é que “non é o mesmo lelas que escoitalas, porque a persoa pode xogar moito coa entoación da frase”. 

Ademais, Cortizas tamén creou unha “gabeta onde a lectora ou lector pode converterse nunha persoa creadora e parte do libro, xa que hai algunhas páxinas en branco para que engada as súas propias adiviñas a partir de ler  as que aparecen nel”, sinala.

Solucións con explicacións


O libro remata co apartado de solucións ás adiviñanzas. “Nel non só se expón a resposta en si, senón tamén a explicación e o razoamento para lograla", explica Cortizas. "Nas adiviñas entran moito o xogo das metáforas, os de palabras, os calembur -cando as sílabas dunha ou máis palabras se agrupan doutro modo para atopar a resposta- a estrutura dos enunciados e mesmo a forma na que se len", sinala o autor. Todo isto vai explicado neste último apartado "para que a xente tamén se meta un pouco máis no miolo desta cuestión e consigan atoparlle o gusto tanto a ler, a adiviñar e tamén a crear as súas propias adiviñanzas", conclué.

Por iso, este artigo comeza cunha adiviña da creación de Antón Cortizas onde, no primeiro parágrafo, se pode ler a solución á cuestión. Atopárona?

comentarios