mércores 22.01.2020

Adeus Filgueira Valverde, ola Manuel María

É novembro. Rematan os últimos actos dedicados a Filgueira Valverde e comezan os novos proxectos arredor da figura de Manuel María. 

Estes días péchase o ano Filgueira co ciclo “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX” que ten lugar desde hoxe segunda feira até a quinta feira nas sedes do Consello da Cultura, a RAG e a Barrié, fundación coa que colaborou o polígrafo pontevedrés. 

Do mesmo xeito, editoriais e fundación do autor xa están a lanzar as súas propostas para o Día das Letras 2016. Uxía e Magín Blanco veñen de presentar en Sonárbore (Galaxia) Canta o cuco, un libro-disco con cancións que musican os poemas do autor chairego. O carro, A vaca, A cidade, O cuco… so só algún dos textos musicados por Uxía e Magín Blanco, extraídos de poemarios como As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, "Todo me fala de ti", na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade. Ademais, as ilustracións son obra de Leandro Lamas. 

Ademais, a propia Uxía gravou un disco ao vivo na Casa de Manuel María no 86 aniversario do seu nacemento este pasado outubro. O traballo, no que tamén colaborou Xabier Díaz, será publicado en breve.

Alén disto, a Fundación Manuel María vén de publicar 'Poemas escollidos', a primeira escolma publicada que contempla a obra poética de Manuel María na súa totalidade, incluindo os poemarios inéditos publicados logo do seu falecemento.

Centenario das Irmandades

Ademais do Ano Manuel María en 2016 celebrarase o centenario da fundación das Irmandades da Fala na Coruña, que tivo lugar un 18 de maio de 1916 na sede da Real Academia. Tanto a institución presidida por Alonso Montero como a Deputación na Coruña xa mantiveron algunha xuntanza para promover actividades que lembren esta efeméride.  

comentarios