Da intrahistoria cultural do barrio da Sagrada Familia

O adeus da libraría Queixume da Coruña

Máis de catro décadas dedicada ao comercio do libro chegaron o pasado domingo, 7 de xullo, á súa fin. Unha festa na rúa Galerías Santa Margarida da Coruña foi a maneira en que a emblemática libraría Queixume despediu amizades e clientes. Música, teatro e palabras puxeron o colofón á aventura libreira no popular barrio da Sagrada Familia.

170d1126-bb80-4469-aca8-423869a49178
photo_camera O libreiro Eduardo Seijas intervén na festa de despedida da libraría Queixumes o pasado 7 de xullo na Coruña. Foto: cedida.

A xubilación de Eduardo Seijas García foi o motivo. Este home foi quen de termar do neocio durante máis de corenta anos. Resistiu áreas comerciais, a crise, o libro electrónico... e o desalento. Seijas xubílase agora por todo o alto, orgulloso do conseguido e de quen é, e, moi especialmente, do cariño recibido ao longo de tantos anos.

A seguir, Sermos Galiza reproduce as palabras de agredecemento que dirixiron ás persoas presentes na celebración do 7 de xullo o propio Seijas, protagonista da xornada, e mais a súa vella amiga Lourdes Fernández Lameiro. “A piques de xubilarme, síntome orgulloso de acadar dúas metas: manter vivo o negocio que me mantivo a min toda a vida”, dixo o libreiro, “e conseguir o respecto e o cariño de todos vós”.

As intervencións de Seijas e Fernández Lameiro ofrecen testemuño da heoricidade vital precisa para manter vivo, por tanto tempo, ese espazo de referencia de liberdade e cultura que foi na Coruña a libraría Queixume.

e0a2b6c3-833f-4c0b-9ba1-78f14050bf85

Palabras de despedida e gratitude, por Eduardo Seijas

Son Eduardo, teño 66 anos. Destes 66, levo 55 vivindo na barrio da Sagrada Familia. Son moitos anos, case todos.

Aos 22 anos, cando rematei os meus estudos (e a mili, si, antes faciamos a mili), empezou a miña integración real no barrio axudando a miña nai a levar unha pequena libraría que ela rexentaba. Alí comezou todo. Aos 25 abrín a miña propia libraría co nome de Queixume e, desde esa idade, vivín os meus días atrapado e arroupado, a un tempo, polo negocio e a estreita relación que fun establecendo con todos vós. Loxicamente houbo de todo, luces e sombras.

A través da libraría fun coñecendo a Sagrada Familia mais teño que dicir que comprendín realmente a súa verdadeira entidade e identidade cando, con dous amigos máis, abrimos un pub que tivemos que pechar ao pouco tempo porque a delincuencia e as drogas fixeron invivible aquela experiencia empresarial. Foron anos angustiosos e difíciles para moitas familias.

Neste barrio, nestas condicións tan duras, na década dos setenta, cos primeiros gromos de liberdade que nos deixou ver a transición, tres “maricóns” saíron do armario con todas as consecuencias. Dous deles tiveron un final tráxico polas drogas e a delincuencia. O terceiro son eu. Salveime da queima porque tiña un proxecto: conseguir o respecto do barrio e sacar adiante unha libraría que tería que ser o meu único medio de vida. Hoxe, a piques de xubilarme, síntome orgulloso de alcanzar ambas metas: manter vivo o negocio que me mantivo a min toda a vida e conseguir o respecto e o cariño de todos vós.

Nos anos 90 chegou aire fresco ao barrio coa inauguración da Biblioteca Municipal. Un lugar de encontro, de cultura e de progreso que foi e segue sendo un motor de transformación e de convivencia co que a miña libraría e eu, no persoal, tivemos unha grande colaboración e sintonía. Quero agradecerlles ás traballadoras e aos traballadores o seu magnifico e entusiasta labor.

Tanto a libraría como a Sagrada Familia estiveron en constante evolución. Actualmente convivimos parte daqueles primeiros habitantes con moitas outras familias procedentes de diversos países e culturas que se asentaron con nós no intento de mellorar as súas vidas e as das súas fillas e fillos. Queda moito que mellorar no barrio. É unha tarefa colectiva, tanto da veciñanza como das institucións.

Levades días vendo como moitos dos vosos nomes ateigan esa fachada e ese escaparate; é o meu xeito de vos dar as grazas e o lugar protagonista que vos corresponde na historia de Queixume. Máis de corenta anos no barrio ao fronte da libraría darían moito que contar e, por iso, pedinlle á miña amiga Lourdes que resuma, ao seu xeito, historias e vivencias que compartimos, ela e mais eu, co resto de amizades e clientes.

A Sagrada Familia, Queixume, Eduardo, por Lourdes Fernández Lameiro

Coñecín Queixume nos primeiros anos da década dos 80. Era un fervedoiro de xente, de ideas e de ilusións no corazón dun barrio de familias traballadoras, moitas delas chegadas do rural nas décadas dos sesenta e setenta, a unha Coruña que espertaba, tamén vigorosa, á democracia, á liberdade, á participación política, asociativa, cultural… Intentarei transmitirvos a idea de Queixume, como me pide Eduardo, ao meu xeito, a través dalgunhas anécdotas e sensacións, aínda que a tarefa de exercer de memoria allea me pareza ben complicada.

Deses primeiros anos lembro unha señora de loito, miudiña e lixeira, que agardaba ansiosa cada semana a chegada do periódico de sucesos El Caso e, tamén, os ollos inmensos dun neno de Friol que bebía con fruición as historias do Carrabouxo, nas que se percibía representado. Lembro torres e torres de novelas de vaqueiros, fotonovelas e tebeos usados que percorrían, de man en man, os domicilios dos lectores e das lectoras do barrio. Particularmente significativo era o sistema de reparto a domicilio pactado cun veciño da rúa. Cada domingo, ben cediño pola mañá, chamaba por teléfono, deixaba soar tres veces e colgaba. Era o contrasinal para coller unha Voz de Galicia, saír á rúa e atala a un cordel que o enxeñoso lector sacaba pola súa xanela desde un terceiro piso (as noticias chegábanlle frescas, seguro).

Queixume é unha libraría de barrio, mais non só unha libraría . Foi un punto de encontro, un espazo de liberdade e de relación en que eran habituais outras actividades paralelas á puramente comercial. Dábanse recados, gardábanse bolsas da compra, recollíanse bombonas, tíñanse chaves en depósito, pagábanse alugueiros, recibos de Santa Lucía…

Os éxitos de Queixume foron vividos como propios polos clientes. Nas caseta das feiras do libro de agosto, percibíamos o orgullo da xente por ter a libraría do seu barrio no centro da cidade, de igual a igual, coas mellores da Galiza. Cando Queixume estaba de feira do libro, dalgunha maneira, o barrio tamén.da492158-c7d2-4985-94dd-5e9588be804d

Ao longo dos anos, sempre activa, ofreceu diferentes actividades: Contacontos, exposicións, actuacións e festas con motivo das letras galegas, do día do libro, de San Valentín e, sobre todo, do Nadal. Os escaparates de Queixume, nos que o amigo Luís puxo ao longo dos anos grandes doses de delicadeza e enxeño, así como un puntiño de transgresión, foron moi festexados e ben acollidos pola veciñanza. Este último ano, o escaparate converteuse nun espazo aberto que convidaba a quen o desexase a entrar nel e lerlles algún texto aos viandantes.

Outra destacable fortaleza de Queixume foi o seu selo particular á hora de envolver os libros. Ano a ano Eduardo foi evolucionando e superándose a si mesmo. Moita xente dicía agradecer máis a beleza do envoltorio que o propio agasallo. Aínda que por veces poida non parecelo, as persoas aprecian e valoran as cousas feitas con agarimo.

Empecei contando a historia do cordel. Canta non sería a evolución, tanto da libraría como da sociedade, para que hoxe en día Queixume sexa punto de entrega de Amazon! As vendas por Internet están poñendo en perigo de extinción a escasa actividade comercial de proximidade que foi capaz de resistir o embate que supuxo, hai anos xa, a apertura das grandes áreas comerciais da cidade.

E despois están os nenos e nenas de tantas xeracións fortemente atraídos polo universo Queixume. Chuches, contos, xoguetes, libros do cole… e, sobre todo, un libreiro que lles falaba. Sempre houbo nenos e nenas que non podían pasar por diante da libraría sen entrar a saudar a Eduardo.

Aproxímase o peche de Queixume. A xente non deixa de lamentar a perda. É unha mostra de cariño e apego que fai que o inminente xubilado se sinta emocionado e afectado, tamén, de vertixe ante a falta do contacto diario coa súa xente. Como non botar de menos un lugar do que cada día marchamos cun sorriso! Eduardo sempre ten unha picardía, unha palabra, unha chispa que fai brotar a alegría.

A identificación entre Queixume e Eduardo chegou a ser total. Así dicides: “Queixume! Gárdame o periódico” ou “Vou a Eduardo recoller o libro”. Eduardo é Queixume e Queixume é Eduardo. Despois estamos todos os demais. Veciñanza, clientela, familia, amizades… Todos puxemos tamén algo de nós en Queixume e, a cambio, Queixume foi e seguirá sendo, para nós, un refuxio, un espazo de convivencia, un universo plural e cheo de vida.

Para rematar, devólvolle a palabra ao voso libreiro porque ten aínda unha última cousa que vos dicir: “Estou feliz de compartir con todos vós esta xornada de alegría así que… festa rachada e... LUUUUME NA PALLEIRAAAA!!!”.

Nota: imaxes da festa de despedida da libraría o pasado 7 de xullo na Coruña.

Comentarios