Adeus ao Culturgal coa cabeza posta no décimo aniversario

O Culturgal deste ano despediuse até o vindeiro ano repetindo cifras de público e apuntando cara a novos retos no futuro. E tomen nota xa: en 2017 -será do 1 ao 3 de decembro- Culturgal cumpre dez anos e prometen afrontar novos retos.

Culturgal nunha imaxe de arquivo (Culturgal).
photo_camera Unha imaxe do Culturgal 2016

A organización de Culturgal estimou en preto de quince mil persoas as que pasaron polo Pazo da Cultura de Pontevedra nestes tres días, “estariamos polo tanto nunhas cifras moi semellantes ás de 2016 nesta nova edición, a novena, que tivo como lema “Cultura,  Comunidade,  Futuro”. 

O equipo da Feira considera que Culturgal xa é unha comunidade. “Está  consolidado e establecido no calendario, nun espazo e nunha cidade que é  Pontevedra. É un evento de utilidade social no que está testada a alianza entre industria, institucións e públicos e na que se mostran formatos e fórmulas colaborativas entre diferentes axentes”,  sinala Manuel Bragado,  presidente de Culturgal.

A Feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación. Con nove edicións ás costas “xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal”,  apunta Bragado. E seguindo co paralelismo das idades, o presidente de Culturgal reseña que a Feira xa é “adulta” e que debe afrontar novos retos.  “Estamos convencidos da necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes. Desde Pontevedra, a cidade na que esta Feira medrou e  consolidouse. Sentímonos e percibímonos como unha comunidade, unha comunidade que se construíu ao redor de Culturgal e coa décima edición na cabeza debemos asumir novos retos”, remata Bragado.