Adeus ao Ano Fraguas

O Museo do Pobo Galego acolleu a homenaxe que deu peche ao ano Fraguas, un acto co que se puxo o ramo a todo un ano ateigado de lembranzas dedicadas a Antón Fraguas, figura protagonista das Letras Galegas 2019. O acto celebrouse no mesmo día do nacemento do escritor e investigador homenaxeado, o 28 de decembro, data na que cumpría 114 anos.

Antón Fraguas, autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2019 (Imaxe: cedida).
photo_camera Antón Fraguas, autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2019 (Imaxe: cedida).

Antón Fraguas Fraguas (1905-1999) representa a figura do humanista, da persoa entregada ao estudo, poliédrica, sempre arraigada ao rural, ao seu lugar de orixe, ao popular, ao tradicional. Cunha activa e dilatada existencia, Antón Fraguas licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, foi docente, investigador e colaborou en xornais, revistas e publicacións de diversa índole con múltiples artigos sobre xeografía, historia, antropoloxía, etnografía ou paleografía. Durante boa parte da súa vida exerceu de director e presidente do Museo do Pobo Galego. Non por acaso, ese espazo que acabaría por ser “a casa de Antón Fraguas”, o Museo do Pobo Galego, foi o lugar escollido para despedir o Ano Fraguas cun acto de clausura arroupado por Xusto Beramendi, presidente da Fundación A. Fraguas e do Padroado do Museo do Pobo Galego, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, Mercedes Rosón, primeira tenente alcalde do Concello de Santiago de Compostela; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Jorge Cubelo, alcalde de Cerdedo-Cotobade, lugar natal de Fraguas.

Acto de clausura do Ano Fraguas 2019

Durante o acto institucional, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, “a casa de Antón Fraguas”, Xusto Beramendi, foi a persoa encargada de abrir o acto institucional e de lembrar o amigo e antigo presidente e director do Museo. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, destacou de Antón Fraguas a súa continuada “preocupación” polas raíces populares da cultura e a lingua galegas durante a súa intervención no acto. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que a figura de Fraguas “inundou” colexios e outros puntos da xeografía galega e internacional, como Brasil, Arxentina ou Rusia. 

Oradaladou musica o Cancionero de Cotobade de FraguasO dúo Oradaladou

O ramo á homenaxe púxollo o dúo Oradaladou, formado por Sonsoles Penadique (acordeón diatónico e voz) e Carlos Quintá (violín e voz). Oradaladou iniciaron un proxecto para poñerlle música ao Cancionero de Cotobade, unha compilación das cantigas populares recollidas por Antón Fraguas na súa terra natal. No acto interpretaron un repertorio de trece pezas do seu disco Cantigueiro de Cotobade

A exposición sobre Antón Fraguas

Alén da homenaxe, a exposición temporal, Antonio Fraguas. Letras Galegas 2019, organizada e auspiciada polo Museo do Pobo Galego, estará aberta até hoxe, domingo 29 de decembro. A mostra conta con dúas partes, unha centrada máis na súa biografía, con especial atención á súa traxectoria como galeguista e profesor e membro activo en diferentes institucións do país; e outra xa co foco sobre as diversas vertentes nas que se exerceu o seu traballo intelectual e divulgativo, materias como o foron a arqueoloxía, a xeografía, a etnografía, a historia e a arte. 

Comentarios