Adeus a Ana María Matute, a escritora “salvada” pola literatura

“Á literatura grande éntrase pola dor e as bágoas”, dicía Ana María Matute, unha escritora que se confesaba “salvada” pola literatura e que morreu este 25 de xuño, con 88 anos.

Ana María Matute
photo_camera Ana María Matute

A Ana María Matute poucos recoñecementos literarios lle faltaban e contaba, ademais, co calor do público lector, que aplaudía a súa obra. Entre os premios, pode ser que o Cervantes -foi a terceira muller en recollelo- recibido hai catro anos fose o de maior repercusión para esta muller que contaba tamén co Nadal, o Planeta ou o Nacional. 

Nacida en Barcelona en 1926, a escritura e a lectura foron, segundo dicía, a razón máis importante da súa vida. “Paseino moi mal, mais tamén moi ben. Vivín intensamente a dor e a felicidade, mais a literatura grande éntrase pola dor e as bágoas”, sinalaba cando recolleu o Cervantes hai catro anos, unha autora para quen a infancia, a inxustiza social, a guerra, a soidade ou a incomunicación eran temas literarios arredor dos que fixo xirar boa parte da súa obra, unha escritora que se caracterizou pola súa modernidade. 

Para a escritora, a literatura era tamén a súa salvación e non ocultaba que a escrita dunha das súas principais obras Olvidado rey Gudú foi o seu remedio para saír dunha forte depresión. “Este libro permitiume volver a escribir e volver a ser eu mesma, porque sen escribir eu non son nada, non son ninguén”, dixo entón. Sería a súa obra favorita, ambientada no mundo medieval no que constrúe unha obra antibelicista e cualificada como un clásico-contemporáneo de culto. Títulos como El polizón de Ulises ou Aranmanoth atópanse tamén entre os máis destacados da súa obra. 

Académica da RAE, Ana María Matute dedicou boa parte da súa creación escrita á literatura infantil e xuvenil con títulos como El país de la pizarra, El saltamontes,  El aprendiz, El polizón del Ulises ou a Casa de juegos prohibidos. O tempo despois do levantamento militar foi tamén a época máis visitada na súa obra, con elementos do realismo máxico que deitaba sobre a triste realidade do momento en títulos como a triloxía Los Mercaderes ou Pequeño Teatro. 

Comentarios