Adeus a Sucasas, un clásico con pegada propia na arte galega

En Vila de Cruces, na casa na que vivía, a poucos quilómetros do concello de Lalín da súa nacencia, morreu onte martes o pintor Alfonso Sucasas, un artista que ten un lugar de relevo na arte galega do século XX

Alfonso Sucasas é para a arte galega xa un clásico, un creador que figura nos grandes nomes da contemporaneidade pero que vivía afastado do ámbito público. Sucasas decidira de moi novo converterse en artista, desouvindo os consellos familiares da súa casa lalinense na que ter un fillo artista non era o mellor dos desexos. 

Mália iso, en Alfonso Sucasas deuse a teimosía por conseguir o obxectivo marcado. Emigrou de novo a Venezuela e volveu cruzar o mar cara Brasil despois dunha estadía no seu Lalín. En todas esas viaxes, a personalidade de Sucasas foise trabando co esforzo de compaxinar unha vida de emigrante máis unha vontade de artista.

Con 28 anos realiza a exposición do Hostal dos Reis Católicos en Compostela que constituiría a súa presentación pública como artista. En Vigo, onde reside durante cinco anos nos setenta, entra en contacto con Laxeiro -o pintor viciño de terras do Deza- ou Blanco Amor ademais doutros artistas máis novos vencellados xa ao grupo de Atlántica.

Alfonso Sucasas fórmase na vida mesma, no seu tempo no Brasil no que traballa como deseñador e nos ollos abertos en Vigo, Compostela ou Lalín. A súa é unha obra con marca propia, con rasgos que definen un estilo de seu, amartelando a través do seu expresionismo o trasunto do país e as súas caras. Figuras humanas deformadas cobran protagonismo en boa parte da súa obra, inquedante por canto ás veces se acerca aos monstros e á irrealidade dos soños. 

De xaneiro a marzo deste mesmo ano abría a que sería a súa derradeira exposición en Vigo, cidade á que estaba tan vencellado. A súa obra mostraba a través de 55 pezas a traxectoria do artista, con pouca presenza dos primeiros anos, tempo do que o autor case non conservaba memoria plástica.  

Comentarios