Proxecto da poeta Lorena Souto e o músico David Miranda

Aderyn, poesía noise pop

Os poemas de Fase de trema (Espiral Maior, 2012) son de vocación escura. Abismáticos. Intimistas e con certa desolación como medio ambiente. Destes materiais partiron a súa autora, Lorena Souto, e o músico David Miranda para crear Aderyn, proxecto noise pop nado na diáspora galesa. Fractura é o seu primeiro disco.
Aderyn photo
photo_camera Os integrantes de Aderyn, Lorena Souto e David Miranda. Foto: cedida.

“Foi un xeito de darlle pulo ás nosas inquedanzas artísticas e un xeito de sentirse en conexión, mesmo estando lonxe, co noso contexto cultural”, explica a Sermos nun correo electrónico a propia Souto. A situación concreta e un punto de eclosión: a adaptación que Miranda fixera pola súa conta dun poema do mencionado libro, “que deu pé a un diálogo poético musical que ao longo do tempo se fixo máis fluído”.

Escritora e músico traballaban na Universidade de Bangor, no País de Gales. Ela regresou á Galiza, el continúa alí, onde leva máis de dez anos. “Foi un proceso lento e meditado que deu lugar ao disco”, considera Miranda. O resultado son oito cancións de textura lenemente ruidosa, en que ecoan Cocteau Twins ou os My Bloody Valentine menos salvaxes, dispoñíbeis en bandcamp, e que enlazan con algunhas prácticas anteriores do músico, por caso a banda Nouvelle Cuisine.

aderyn - fractura (2019, cuberta)“Os poemas foron o punto de partida. Busquei darlles unha interpretación sonora. Máis que en melodías, a miña busca centrouse nas texturas. Lorena tivo unha achega fundamental nese sentido”, di Miranda, quen pon como exemplo do método Levedar. “Vén, entra no cuarto / o mar medra para asolagarnos / e vivimos como cetáceos xigantes”, afirma unha canción máis “acuática” que a media de Fractura.

Ás teimas “electrónicas e orientadas cara ao post-rock” de Souto engadiu o músico unha obsesión: a do disco maldito de Lou Reed Metal Machine Music (1975), ruído branco, masas informes de guitarras distorsionadas. “Conforme avanza a obra, a textura vaise abrandando e as melodías teñen maior protagonismo”, autoanaliza, “se cadra pasan do noise pop ao dream pop. Este desenvolvemento é un reflexo do que está a suceder nas letras”.

Mais a poeta adianta que agora Aderyn experimenta co “camiño inverso”, das músicas aos textos. E preséntase a disxuntiva entre poema e canción. Souto recita sobre camas de guitarras máis ou menos planeadoras en O final é un novo comezo e A viaxe, pórtico e clausura do álbum. Nas demais, Miranda pon a voz. “Para min a melodía funciona como unha peza de roupa, o verso ten que entrar nela e esta ten que lle sentar ben”, entende a escritora, quen cualifica a experiencia de aprendizaxe.

David Miranda creara hai anos un formato con algunha analoxías: Bangor, con outra poeta, María do Cebreiro, pero acústico, de ángulos folk inglés, e un disco, Lembrarás este cuarto? (2011). “Mais o proceso creativo fora diferente. As cancións de Bangor foron directamente da guitarra acústica á intepretación ao vivo con María, e de aí ao estudio de gravación”, recorda. Aínda non se sabe cando, pero Souto asegura que posibelmente Aderyn coñecerá o directo. Polo momento, preparan novos temas “un pouco máis pop, sen abandonar as referencias musicais de Fractura”.

Nota: cuberta de Factura (2019), primeiro disco de Aderyn.

Comentarios