Contracultura

Adela Figueroa: "Eu non teño relixión pero, se a tivese, sería a natureza da que todos formamos parte"

Bióloga, escritora, poeta, ensaísta e ecoloxista, Adela Figueroa está a presentar o seu último poemario, 'Matria. Poesía para a Terra', que ela mesma describe como poesía ecoloxista. A autora reivindica a necesidade de tratar a crise ecolóxica en calquera ámbito, tamén na poesía, pois, como ela mesma di, "é a parte máis sensíbel da natureza humana".
A bióloga, activista, poeta e escritora presenta o seu novo libro.  (Foto: Nós Diario)
photo_camera A bióloga, activista, poeta e escritora presenta o seu novo libro. (Foto: Nós Diario)

—Afirma que Matria é poesía para a Terra. Como nacen os seus poemas?
Eu tiña un desabafo, unha inquedanza moi potente ao ver como desfán a nosa terra. O Goberno que temos na Xunta traballa en contra do país. A raíz do sucedido coa mina de Touro, e agora coas agresións dos eólicos, recompilei varias poesías e decidín xuntalas nun libro que titulei Matria. O poemario divídese en tres partes. Unha delas, "Coma inducido", recolle os recordos das persoas que estiveron en coma a partir dos cales escribín unha serie de poemas que son como delirios de cores e de sensacións. A segunda parte leva o nome de "Entre o soño e a distopía" e a terceira "Entre o soño e o delirio", na que relaciono a mente humana coa propia terra. Eu non teño relixión, pero se a tivese sería o universo e a terra, sería a natureza da que todos formamos parte.

—A presenza da natureza na poesía galega foi sempre un elemento característico das nosas letras. Forma parte a súa obra dese lirismo da paisaxe?
Si. Nun dos meus traballos, Rosalia poeta Ambientalista, afondo en como desde as cantigas medievais a natureza nos domina; porque a natureza galega é poderosa, produtiva e fecunda. A nosa gran poeta, primeira e abandeirada, foi tamén a primeira ecoloxista que defendeu a identidade da terra.

—Con este poemario entrelaza o seu labor como bióloga e como poeta.
Se ollamos cara ao ceo vemos a danza das estrelas, vemos todo o ritmo e a música do universo e podemos sentir que somos parte del. As persoas estamos feitas de carbono, osíxeno, nitróxeno... e a iso agréganselles outros elementos químicos que forman a marabilla que resulta a mente humana, capaz de percibir a beleza e o equilibro. Gustaríame publicar un libro composto por tres contos nos que falo da maxia dos números. Quero afondar nesa maxia das inflorescencias das plantas que seguen un ritmo, unha lei matemática, como as volutas do caracol ou os movementos dos astros. Un tema que tamén me está a interesar especialmente é o do ecofeminismo, o paradigma que debería rexer os anos que nos veñen enriba.

—Hai uns días, participou na feira do libro da Coruña. Como está a ser a acollida do poemario?
Asistiu moita xente que viña expresamente polo poemario, vendémolos todos. Pero a cuestión non é a venda, senón que as persoas veñen buscando algo tan estraño como a poesía ecoloxista. Atopámonos nunha gran crise ecolóxica, que é a crise total. A Terra, que é o noso berce, a nosa casa, o noso abrigo, a nai que nolo deu todo, está en crise e iso é un asunto de gran transcendencia, e coido que a xente xa o está percibindo. Eu trato de expresar esta situación a través da poesía, pois é a parte máis sensíbel da natureza humana.

—Que importancia ten que se lle dea difusión a este tema tamén a través da literatura?
É fundamental. Cómpre difundilo en todas as liñas, na loita social, na política, na rúa, pero tamén a través desta parte afectiva. Neste momento de urxencia, temos que implicarnos todas as persoas, as que se dedican á pintura, á poesía, á escritura, ao ensaio, á ciencia... Cómpre escoitar a ciencia. As científicas son as que teñen a capacidade de observar un fenómeno con capacidade creativa e independencia intelectual. A ciencia é unha forma de expresión artística.

—É a terra a nosa Matria?
Si, é matria. A miña terra é a Galiza, onde nacín e onde vivo. Con isto non quero dicir que estea por enriba doutras terras, senón que a Galiza é a miña responsabilidade que non podo diluír esquecéndome dela. A Galiza é unha nación con máis de 5.000 anos de historia na que o indixenismo, o panteísmo e a comuñón coa natureza é fundamental. Porén, está a ser colonizada por un modelo urbanista e patriarcal que non é propio do país.

Comentarios