luns 30.03.2020
Cultura

Adaptar a Cunqueiro con humor e reintegracionismo

"O cabalo de Alberte Merlo", relato que asina Álvaro Cunqueiro n'Os outros feirantes, foi vertido para o audiovisual por tres estudantes de bacharelato: Aarón Vilariño, Artur Vázquez e Alejandro G. Pita. Recollendo a premisa do texto, elaboran con humor unha versión propia, que conclúe nunha chamada ao binormativismo como resposta de cordialidade no ano Carvalho.
Artur Vázquez, caracterizado de Alberte Merlo, le un exemplar de 'Nós Diario'
Artur Vázquez, caracterizado de Alberte Merlo, le un exemplar de 'Nós Diario'

"Ola. Son Alberte Merlo, natural da parroquia de Tal e desde hai aproximadamente dous anos teño un cabalo que fala alemán", preséntase o protagonista, que comparece lendo un exemplar de Nós Diario. As amantes da obra de Álvaro Cunqueiro recoñecerán axiña esta premisa, se ben estas palabras xa anticipan a variación.

Trátase d’O cabalo de Alberte Merlo, unha curtametraxe baseada no relato homónimo de Cunqueiro. Vén de ver a luz esta orixinal adaptación que sitúa o texto na actualidade, empregando un estilo documental no que tres personaxes —Alberte Merlo, o amigo mestre de Muros e o cabalo— contan á cámara a súa versión dos feitos.

O vídeo naceu como "un proxecto de clase para a materia de galego", explica Aarón Vilariño, responsábel desta curtametraxe "sen pretensións" xunto aos seus compañeiros Artur Vázquez e Alejandro G. Pita. Con 18 anos, os tres son alumnos de 2º de bacharelato no IES Pontepedriña de Compostela. Leron para as aulas de galego Os outros feirantes, de Cunqueiro, e animáronos "a adaptar un dos contos como traballo optativo", explica. O de Merlo era o que máis lle convencía a Vilariño, que llo propuxo aos seus amigos, en parte seducido polas posibilidades estéticas do cabalo, nunha reinterpretación sen dúbida filtrada pola popular serie cómica de animación para adultas BoJack Horseman.

Todo polo 'gag'

E o humor é precisamente o motor da curtametraxe. Todo foi polo gag: "parecíanos fantástico que o cabalo falase alemán e, ao aprender galego, cando fai esa confesión aterradora, sexa que é reintegracionista". A partir de aí, teñen lugar unha serie de situacións cómicas nas que o animal desenvolve o seu recentemente adquirido argumentario: "A solução para a conservação da lingua é o reintegrado".

"Parecíanos moi acaído, especialmente tratándose do ano Carvalho Calero", conta Vilariño

Como xa adiviñarían as lectoras de Cunqueiro, é no punto lingüístico onde o audiovisual se afasta do relato orixinal do autor mindoniense, introducindo o "surrealismo" dunha serie de escenas que tratan de maneira cómica o conflito entre as dúas normas do galego. "Parecíanos moi acaído, especialmente tratándose do ano Carvalho Calero", conta Vilariño. A partir de aí, os tres estudantes traballaron as ideas soltas para elaborar unha historia amena, fiada na estrutura do relato clásico de Cunqueiro.

Mensaxe conciliadora para o ano Carvalho Calero

Co humor como bandeira, xa advirten ao comezo da curtametraxe que non pretenden resultar ofensivos: "nada debe ser tomado máis en serio do que é: a tolemia de tres rapaces estudantes de bacharelato", algo no que o propio Vilariño insiste. De facto, en última instancia, o seu traballo manda unha mensaxe de entendemento e cordialidade entre as distintas opcións lingüísticas, que chega coa mediación do mestre a prol do binormativismo.

Ese traballo "sen grandes pretensións" fica a disposición de todas as persoas a través de Youtube, aínda que non descartan "presentalo a concursos", comenta Vilariño. O audiovisual é a paixón que este mozo quere estudar, sexa na Universidade de Santiago de Compostela ou, se conseguise a bolsa e a aceptación, na Escola Superior de Cinema e Audiovisuais de Catalunya, unha das máis prestixiosas do Estado. Xa actualmente compatibiliza a realización de audiovisuais de distinta índole, como os videoclips que ten elaborado para grupos como Os Novos, Barbitúricos e Ruxe Ruxe.

O seu compañeiro Pita aínda non ten claro que quere facer, pero o que lle atrae principalmente é o eido da historia. Vázquez, pola súa banda, está optando entre Telecomunicacións, Enxeñaría Informática ou Matemáticas, disciplinas nas que destaca, pois vén de gañar a olimpíada de física a nivel galego e en breve competirá no marco estatal. No proxecto aprenderon e, o máis importante, "pasámolo moi ben facéndoo", afirma Vilariño.

Outras adaptacións

A prosa áxil de Cunqueiro, engarzada nese universo de realismo máxico galego, xa foi adaptada con anterioridade en varias propostas televisivas e cinematográficas. Os outros feirantes, compendio de relatos que recolle a historia de Alberte Merlo, deu orixe tamén á primeira serie de ficción feita na Galiza —con seis capítulos mais un piloto—, dirixida baixo o mesmo título por Antón Dobao e Xosé Cermeño en 1989.

Os outros feirantes, compendio de relatos que recolle a historia de Alberte Merlo, deu orixe tamén á primeira serie de ficción feita na Galiza

Dobao levaría tamén á gran pantalla outra das obras emblemáticas do escritor e xornalista mindoniense, Si o vello Sinbad volvese ás illas... Estreada en 2011, a longametraxe xira arredor das historias que Sinbad (Xosé Manuel Olveira Pico) conta das súas viaxes pasadas, reais ou ficticias, aos compañeiros de dominó na taberna. Este filme de imaxe real ten tamén apoio de secuencias de animación.

Para alén destas, o relato "El Caballero" de Cunqueiro serviu de base para a proposta experimental de Carla Andrade en Sibila, centrada na figura da muller, no marco do Chanfaina Lab. Noutra dinámica fóra da adaptación, o propio escritor aparecía na serie para web Conversas con Cunqueiro, na que Óscar Cruz fala coa súa estatua. 

comentarios