venres 10.07.2020

Actores e actrices alertan que volta á actividade na Galiza faise sen “garantías hixiénico-sanitarias”

Afirman que a Xunta fomenta a recuperación da actividade escénica “sen desenvolver previamente os protocolos hixiénico-sanitarios que se anunciaban no seu cuestionado ‘Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural’.

Imaxe de arquivo dunha representación teatral (Foto: Nós Diario)
Imaxe de arquivo dunha representación teatral (Foto: Nós Diario)

A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), alerta sobre as condicións nas que consisera que se está a dar o regreso á actividade laboral dos actores e actrices no ámbito das artes escénicas. “O sector carece a día de hoxe dun protocolo formal para reducir os riscos de contaxio cunhas medidas hixiénico-sanitarias suficientes para un oficio no que, en moitas ocasións, as medidas xerais de protección -nomeadamente a chamada distancia social ou o uso de máscaras- non son asumíbeis, xa que o contacto físico entre integrantes dun elenco artístico resulta inherente á actividade”, explican nun comunicado.

Indican que, respecto ao sector cultural, os decretos e normas do proceso de desconfinamento céntranse en cuestións como as porcentaxes de aforo, distancias entre espectadores ou na seguridade nos accesos dos recintos. Porén, “as medidas específicas para garantir a seguridade dos equipos artísticos sobre os escenarios ficaron sen desenvolver”.

Nesta liña, indican que só o paaado 14 de xuño o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem) deu en publicar tras ter en conta as indicacións do Ministerio de Sanidade e mais de Traballo unha “Guía de buenas prácticas para el reinicio de la actividad escénica y musical en España”. Mais ese documento, indican desde a AAAG,é “insuficiente en canto resulta ser tan só unha folla de ruta orientativa”.

Por iso entenden que se fai “necesario” un protocolo “oficial e rigoroso” a nivel galego que vele “pola seguridade dos elencos artísticos, conformados por traballadores e traballadoras aos que se lles podería chegar a esixir por motivos profesionais e/ou artísticos exercer o seu traballo sen máscara nin distancia de seguridade ou mesmo manter un contacto físico íntimo, co risco que isto suporía non só para a saúde destes/as traballadores/as, senón para o conxunto da sociedade no contexto actual de pandemia”.

A AAAG considera que ese protocolo oficial deberá especificar que os servizos de prevención de riscos laborais deben decidir en que espectáculos podería resultar imprescindíbel a realización de tests (así como que tipo de test e con que periodicidade), avaliando as particularidades de cada montaxe e os riscos de contaxio derivados das accións que se desenvolvan sobre o escenario que contraveñan as medidas esenciais de protección: distanciamento e máscaras.

Ademais, a AAAG considera que a Xunta debe preocuparse non só pola seguridade sanitaria de espectadores -asegurada xa polas medidas de distanciamento físico e o uso de máscaras-, “senón tamén dos traballadores e das traballadoras da escena que na actualidade están a volver ao seu traballo sen garantías suficientes, así como de apoiar o sector na adaptación á nova normalidade”.

comentarios