O actor Javier Gutiérrez, Premio Pedigree do Festival de Cans

O Festival de Cans recoñece a traxectoria do actor Javier Gutiérrez co Premio Pedigree 2015. Os Chimpíns de Prata recaerán no veciño de Cans Juan Maceira e no director Alfonso Zarauza. 

Javier Gutiérrez
photo_camera Javier Gutiérrez

Pouco despois de ter recibido o Goya pola súa interpretación en La isla mínima, o actor Javier Gutiérrez  recibira o premio Pedigree, o maior recoñecemento do Festival de Cans. Na nova edición do encontro do audiovisual na aldea de Porriño, o carpinteiro Juan Maceira e o director Alfonso Zarauza -incondicional do certame- recollerán os Chimpíns de Prata. 

De Javier Gutiérrez o Festival de Cans recoñece toda a súa traxectoria, desde os inicios en Ferrol até  a súa colaboración cos novos proxectos do audiovisual pasando polos seus traballos para televisión, teatro ou cine. De maneira especial, a organización do Festival quere recoñecer a súa participación en curtametraxes e o apoio aos novos creadores como o caso da curta Tupper de Ángel Manzano que se proxectou na pasada edición do certame. Gutiérrez recibira xa o premio de Cans como actor en 2010, e agora o certame dirixido por Alfonso Pato gábase de ter sido un dos primeiros en recoñecer o valor do actor. Destácase tamén pola súa disposición a colaborar en proxectos relacionados coa inclusión social. Nesta edición, como aconteceu na pasada con María Bouzas, Gutiérrez deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas no desenvolvemento do festival, do 20 ao 23 de maio, como anteriormente fixeron Luís Tosar, Celso Bugallo, Mabel Rivera, Antón Reixa, Chete Lera, Xavier Villaverde, Ernesto Chao, María Pujalte, Antonio Durán “Morris” e Manuel Manquiña.

O Chimpín de Prata “Premio Pepe Puime” recaerá desta volta no veciño e carpinteiro xubilado Juan Maceira -coñecido como “Juan do Peso”- e no director Alfonso Zarauza. A Maceira agradéceselle de maneira especial a súa participación no apartado “Cans Proxecta” no que demostrou o seu bo facer no oficio canda arquitectos e alumnado. Pola súa parte, de Alfonso Zarauza destácase que escollera Cans para presentar os seus tres filmes, La noche que dejó de llover, Encallados e Os Fenómenos ademais do seu papel na difusión do festival

Comentarios