O actor Fran Núñez, novo director do Centro Dramático Galego

fran núñez cdg

O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a contratación do director de escena e actor vigués Fran Núñez como novo responsábel de coordinación do departamento de Produción Teatral, un posto que inclúe a dirección do Centro Dramático Galego (CDG).

Con este acordo, que publica esta terza feira o Diario Oficial de Galiza (DOG), finaliza o procedemento de convocatoria pública iniciado o pasado 31 de agosto para cubrir esta praza.

Segundo informou a Xunta, a través dun comunicado, a candidatura de Fran Núñez foi a que obtivo maior puntuación en cada unha do tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, un proxecto artístico e unha entrevista persoal.

Doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago, Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Fundador das compañías ‘Limiar Teatro’ e ‘Teatro del Hereje’, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de Estado español, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Os Goliardos e Teatro Español (o tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools (Holanda-Francia), Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia.

Co CDG levou a cabo tres coproducións: 'Os catro da Xunqueira' (2009), 'Pangeia' (2014) e 'Se fosen turistas, levarían lentes de sol' (2019).

Comentarios