Acto mañá en Ferrol pola protección da cultura local

A Plataforma Cultura Ferrolterra convoca mañá ás 12 horas a profesionais e cidadanía xeral.
praza armas ferrol
photo_camera Praza de Armas de Ferrol, lugar da convocatoria. (Foto: Concello de Ferrol)

O sector da cultura da comarca de Ferrolterra vén de organizarse arredor da Plataforma Cultura Ferrolterra e convocar un acto reivindicativo para mañá ás 12 horas.

Artistas da comarca, traballadoras e traballadores do sector das artes en vivo e dos eventos reúnense neste colectivo que xorde para facer súas diversas reivindicacións do ámbito, incluídas as da campaña internacional Alerta Vermella. que pide un tratamento de atención para o eido cultural e os eventos no marco da crise provocada pola pandemia.

A Plataforma Cultura Ferroltera convocou as persoas profesionais do sector e á cidadanía xeral a participar hoxe nun acto público de reivindicación na praza de Armas de Ferrol co lema "Aposta pola cultura local".

Manifesto sobre demandas do tecido asociativo

O manifesto da plataforma neste acto fundaméntase sobre a base de diversos comunicados e documentos que nos últimos tempos o tecido asociativo da cultura difundiu publicamente, entre eles os das asociacións galegas Clubtura e Escena Galega.

Neste documento a plataforma de Ferrolterra propón unha listaxe de medidas paliativas para o sector ante este contexto de crise, baseadas nas "52 medidas extraordinarias para afrontar a crise sanitaria provocada pola Covid-19 no sector das artes escénicas e a Música", un texto desenvolvido por múltiplas asociación sectoriais de todo o Estado, entre as que se atopa a Asociación Galega de Actores e Actrices.

Estas ideas de carácter global conxúganse con outras que beben da realidade comarcal. O colectivo divide as medidas entre aquelas que teñen a ver coa contratación pública -por exemplo, pago anticipado de funcións suspendidas ou que se abonen de forma inmediata os servizos prestados-, as que encadra máis no laboral e de seguridade social -coa longa reivindicación, amplamente secundada, cun Estatuto do artista que responda ás necesidades reais da profesión, se cabe máis precarizada nestes momentos-; medidas de financiamento empresarial e medidas arredor das subvencións públicas -axilización dos pagos das axudas concedidas ou ampliación de prazos de execución-, así como outras de fomento da actividade, coordinadas entre as diferentes Administracións.

Comentarios