A activista trans Carla Antonelli estará na mostra pontevedresa de cine LGTBIQA+

A Mostra internacional de cine LGBTIQA+ de Pontevedra, 'Ambienta' contará con filmes de Brasil, Xapón, Francia e España. Alén das proxeccións haberá intervencións como a de Carla Antonelli, impulsora do documental 'Triángulos rosas'. 
A impulsora do documental 'Triángulos rosas', Carla Antonelli.(Foto: Nós Diario).
photo_camera A impulsora do documental 'Triángulos rosas', Carla Antonelli.(Foto: Nós Diario).

'Ambienta', a Mostra internacional de cine LGBTIQA+ de Pontevedra chega á súa segunda edición reforzando as colaboracións e a presenza de artistas internacionais. Exemplo do primeiro é que a Concellaría de Festas que dirixe Carme da Silva contou coa colaboración do Cineclube Pontevedra, a asociación Avante LGBT+, o FIB Bueu e a Cinemateca Pedro Zerolo.

En relación ao segundo, este ano pasarán polo evento cinematográfico nomes como a política e activista trans Carla Antonelli e o creador audiovisual Enzo Sarmiento

Presenza internacional en Pontevedra

A mostra inaugurouse esta segunda feira na praza da Pedreira, lugar que centrará todas as proxeccións e intervencións, coa estrea do videoclip Eduardita, producido por Laura Cadenas Amandi, Enzo Sarmiento e Éric Dopazo que estiveron presentes no acto.

A proxección foi previa ao filme A primeira morte de Joana (Brasil, 2019) a segunda longametraxe da realizadora brasileira de Cristiane Oliveira. Hoxe terá lugar a proxección de Eté 85 (Francia, 2020) do director francés François Ozon ás 22.30 horas. 

Para a terza feira está prevista unha conversa co Carla Antonelli (21 horas) impulsora de Triángulos rosas (España, 2021), documental que narra a historia de tres mulleres trans residentes en Tenerife que loitaron durante décadas polos seus dereitos e por seren recoñecidas pola súa identidade real. Ao remate, ás 22.30 horas, visionara o documental.

Para o día 30 de xuño está prevista a proxección de Tokyo Godfathers (Xapón 2003), dirixida por Satoshi Kon e Shôgo Furuya. O filme conta como, nun Nadal nevado en Tokio, tres persoas sen fogar (Gin, Hana e Miyuki) atopan un bebé anxo e procuran atoparlle a familia.

Feche con música e curtametraxes 

A mostra pontevedresa rematará esta sexta feira , coa actuación musical de Palito DJ (21 horas) e a proección de cinco curtametraxes (22.30 horas) en colaboración co Festival Internacional de Cinema de Bueu. As obras que se poderán ver son Ensom Cowgirl (Dinamarca 2021) de Gina Kippenbroeck; Son of Sodom (Colombia 2020) de Theo Montoya; Victoria (España 2020) de Daniel Toledo; Dustin (Francia 2020) de Naïla Guiguet; e Marlon Brando (Países Baixos 2020) de Vicent Tilanus.

Comentarios