O 28 de outubro conmemórase a primeira proxección pública do Théâtre Optique de Émile Reynaud e que tivo lugar no Museo Grevin de Paris en 1892. Tratábase dun aparello que permitía proxectar imaxes animadas, claro antecedente deste tipo de cinematografía e polo que se deu e dedicar este día á Animación.
Aquela célebre xornada, o museo parisino proxectaba “Pantomimas luminosas”, un programa que incluía tres películas: Pauvre Pierrot, Clown et ses chiens e Un bon bock, e convertíase Reynaud no creador dos debuxos animados.
A animación na Galiza comezou a ter pulo a comezos dos anos 2000, como lembra a produtora Chelo Loureiro, de Abano Producións, "había unha situación moi benigna e o Goberno decidiu tomar a animación como un sector estratéxico para a Galiza".
Naquela altura creábase Dygra e máis tarde Bren, a área de Fílmax centrada neste tipo de ficción.
Pero desde entón, a crise económica de hai unha década, mudou o panorama e, segundo aprecia Chelo Loureiro, "deixou de haber apoios especiais e a animación precísaos porque, crea moitos postos de traballo, pero o desenvolvemento dun guión de animación é moi custoso, moito máis que o da ficción".
Nesta liña pronúnciase tamén o director Alberto Vázquez, que proximamente estreará con Abano a súa longametraxe Unicorn Wars, coa que levan a traballar arredor de catro anos.
"A animación é moito máis cara que a ficción ou o documental porque as producións son moi longas", apunta Alberto Vázquez. "Unha produción media é de case tres anos e tes que dispor de local, infraestrutura e da contratación dun equipo dunha vintena de persoas", explica.
Financiar e co-producir
O elevado custo da realización de filmes animados moveu o sector a combinar o financiamento público co privado.
"Cando imos aos lugares nos que buscamos financiamento temos que levar algo debaixo do brazo algún personaxe feito, un clip dun minuto... e todo iso é moi caro, falamos de centos de milleiros de euros", recalca a este respecto a produtora de Abano.
Algo ao que Chelo Loureiro lle engade que "os directores e as directoras de animación non son tan coñecidas aquí, algúns igual o son, como pode ser o caso de Alberto Vázquez, pero sono máis en Europa".
Sobre esta proxección da animación galega a produtora destaca que "50% dos Premios Goya de animación son galegos, cando a nosa produción representa unha porcentaxe mínima no Estado, iso débese a que hai moitísimo talento".
"Somos grandes contadoras de historias e temos persoas magníficas no eido da ilustración" explica, "pero diso os políticos non se decatan... como é posíbel?", interrógase Chelo Loureiro.
A realidade é que os filmes galegos de animación percorren os festivais do mundo e conseguen galardóns, é o caso de Homeless home, de Alberto Vázquez, recentemente premiado polo xurado de Annecy 2020.
Grazas a que, o dos festivais, é un dos principais circuítos de distribución de curtametraxes, é posíbel estabelecer coproducións, como é o caso de Unicorn Wars unha produción galego-vasca-francesa que se realizará en galego, aínda que se dobrará a castelán, francés e inglés. A
este respecto, o director Alberto Vázquez di, "a versión orixinal da longametraxe será en galego, porque me parece interesante que en Francia poidan escoitar o idioma galego, ou que se vai a un festival como o de Cans, no Porriño, se poida exhibir sen dobrar".
Animación e divulgación
Alén da creación artística e do entretemento, tamén se fan na Galiza proxectos de animación gráfica vencellados á divulgación. É o caso do traballo de motion graphics que realiza Xaime Beiro.
"Do que se trata é de realizar gráficos moi explicativos animados, para o que en xeral usamos 2D, aínda que tamén de vez en cando 3D", explica Beiro.
Este creador autónomo afirma que "cada vez é máis habitual que me contraten vídeos dun par de minutos para explicar, de maneira moi sinxela, cuestións de carácter científico".
Nesta liña publicábase hai unhas semanas o vídeo de animación médica con calidade 8k, que difundía na rede a Clínica Médica Dental Pardiñas, e recoñecido por Youtube como o máis visitado no eido da odontoloxía en todo o mundo".