venres 07/05/21
Trátase dunha das maiores necrópoles da zona oriental do país

Achan vinte novas mámoas en Baralla

San Martín de Neira de Rei, Teixeira e Vilachambre son tres parroquias do Concello de Baralla protagonistas do último gran descubrimento arqueolóxico na Galiza. Máis dunha vintena de mámoas e os restos dun dolmen constitúen a que pode ser a terceira necrópole máis importante na súa contorna.
Baralla-Mámoa3
Os túmulos funerarios distribúense nunha penichaira a 900 metros de altitude. (Foto: Nós Diario)

O Colectivo Patrimonio dos Ancares vén de anunciar a descuberta dunha vintena de mámoas localizadas no concello de Baralla, ningunha delas recollida do Plan básico nin no visor de aproveitamentos forestais (ferramentas fundamentais na consulta de espazos arqueolóxicos suxeitos a protección). 

O achado producíase ao ir visitar unha mámoa, única até agora catalogada, “e cal foi a nosa sorpresa porque a simple vista, debido á neve que houbo ultimamente, a matogueira baixara e vimos unha necrópole en menos de 800 metros en liña recta”, explica a Nós Diario Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares. “Así que 20 mámoas máis e posibelmente outras dez a maiores”, continúa, “que están incluso mellor conservadas que a que xa estaba catalogada”.

Os túmulos atópanse na Serra do Rañadoiro, entre as parroquias de San Martín de Neira de Rei, Teixeira e Vilachambre, en Baralla. Próximas unhas das outras, distribúense por unha penichaira situada a 900 metros de altitude. As dimensións destes enterramentos do período Neolítico, cunha antigüidade que vai dos 6.000 aos 4.000 anos, oscilan entre 13 e 22 metros de diámetro, cunha altura de entre 0,4 e 1,5 metros.

"Sorprendeunos porque é enorme, aínda que nós tiñamos referencias de que aparecera algún machado do período Neolítico e tamén unha aixola (peza de pedra puída usada para cortar)", relata Xabier Moure. Ao colectivo arqueolóxico, pola fácil visualización dos vestixios, resultoulle chamativo que Patrimonio tivese catalogada unha mámoa e ningunha máis...

Alén diso, "a cantidade convértea nunha das necrópoles máis grandes da área occidental do país e incluso de toda Galiza", afirma Moure. "Cos datos que manexamos está equiparada a necrópole de Santa Mariña, que se atopa entre O Incio, Sarria e Samos, e outra que  hai en Millarada, Cospeito".

Restos dun dolmen

Ademais, nun dos túmulos recentemente descubertos en Baralla vense os restos dun dolmen formado por grandes pedras. Aínda que as mámoas foron alteradas polos labores agrícolas e forestais, destacan na paisaxe, divisándose desde lonxe.

“Cada vez que se fai unha corta, un movemento de terras ou o que sexa, é obrigado solicitar permiso a Patrimonio, Medio Rural, e se afecta a unha zona hidrográfica pois a entidade correspondente. Na maior parte dos casos o que acontece é que non se fai”, denuncia este membro do colectivo Patrimonio dos Ancares.

O enganoso conflito entre o arqueolóxico e o forestal

"O tema da madeira e do eucalipto está a facer estragos, porque ademais son plantacións ilegais", conta Xabier Moure. 

Segundo o divulgador, non só a industria forestal está a ser prexudicial para o patrimonio, senón que mesmo as administracións locais "levan anos lanzando a idea de que onde hai un xacemento arqueolóxico a actividade agrícola ou forestal se acabou, e iso é falso, e ademais eles (os edís) sábeno". 

O historiador aclara que se trata dunha zona de protección de 200 metros, "mais con permiso pódese actuar, sen tocar o vestixio". "En centos de hectáreas, 20 metros para non tocar unha mámoa, non supón nada", asegura Moure.

O valor da protección e da divulgación dos achados

O investigador Xabier Moure explica como, desde Patrimonio dos Ancares, unha vez que se realiza a descrición e a medida do achado, o seu diámetro, a súa altura e sen ten ou non dolmen interior, “todo iso envíase a patrimonio para que manden persoas especializadas en Arqueoloxía que poidan realizar a catalogación dos restos atopados”.

“Non é nada excepcional que non estivesen catalogadas”, conta Moure en relación ás mámoas descubertas en Baralla. "Até hai 30 anos había recollido só un dolmen, unha medorra catalogada, e levamos máis de 100".

“Os traballos realizados na zona montañosa foron poucos, é unha área pouco estudada, mesmo no referido aos castros”, recalca, “hai tres décadas había sete catalogados e agora levamos 140, non había ningún petróglifo e hai 25 espazos. Faltaba alguén que se puxera a 'buscalos', porque sabiamos que tiña que haber, non podía ser unha excepción a comarca dos Ancares do resto do país”.

comentarios