Sermos262

Achan un manuscrito inédito en galego de 1770

As Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas -500 versos contra o cura de Fruíme- é un texto do século XVIII escrito integramente en galego. Talvez os séculos escuros non o foron tanto. Todo sobre este asunto no Sermos262. Eis un avanzo.

 

Screen Shot 2017-09-12 at 10.35.18
photo_camera Un fragmento do manuscrito

Despois das coplas do Padre Sarmiento, este é o texto máis longo escrito integramente en galego pertencente aos chamados Séculos Escuros que se atopou até o momento, facto que incrementa a importancia do achado. As Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas saen do prelo ao coidado de Laiovento, nada máis e nada menos que cincocentos versos xocosos contra don Diego Zernadas, cura de Fruíme. Un fito que se torna nunha indiscutíbel referencia para a historia da lingua e literatura galegas.

Atopábase Xosé A. Fernández Salgado (Ferreiravella, 1966), experto na historiografía lingüística do século XIX, na Fundación Penzol traballando con documentos e manuscritos sen catalogar cando caeron nas súas mans unhas follas que poderían pertencer ao fondo de Xosé María Álvarez Blázquez, e que chamaron a súa atención por estaren escritas en galego. “Foi un encontro fortuíto”, comenta Xosé A. Fernández Salgado en conversa con Sermos Galiza,“os textos están aí, mais é difícil acceder a eles, cando atopei este estaba procurando outras cousas, en material que estaba sen catalogar”. Agora, coa publicación de Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, dáse a coñecer o descubrimento deste manuscrito inédito en galego, datado arredor de 1770. Trátase dunha longa carta en verso de carácter satírico-moralizador escrita nun estilo coidado, composta por catro follas cosidas e sen asinar nin datar, e dirixida a don Diego Zernadas, famoso cura de Fruíme, unha das figuras máis sobranceiras da Galiza da Ilustración.

Screen Shot 2017-09-12 at 10.37.21

O período coñecido como Séculos Escuros abarca inicialmente desde o século XV até o XVIII e caracterízase pola práctica ausencia de escrita en lingua galega. Mais nas últimas décadas os recentes estudos e investigacións están deixando ver como o período setecentista se vai erguendo como unha etapa diferenciada, grazas ao achado de novos textos que verten luz e achegan claves para comprender mellor a época.

“Cada vez vanse descubrindo máis textos, co cal parece que non era tan anormal a escrita do galego, ao mellor os séculos escuros non son tan escuros como se pensaba”, matiza Fernández Salgado, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, “o cal indica tamén que seguramente inda hai bastante máis por descubrir e é aí onde debemos seguir investigando”.

[A íntegra deste texto, unha dupla páxina, aparece no Sermos262, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios