aCentral Folque: Tradición, diversidade e contemporaneidade

Mergullámonos na historia desta asociación cultural cun proxecto baseado na divulgación, o ensino, a produción e a investigación


aCentral Folque ofrece un ensino nos diferentes eidos do patrimonio musical galego, fundamentalmente instrumentais: gaita, percusión, sanfona, requinta, violino, acordeón diatónico e canto.

Funciona, principalmente como asociación e como sociedade limitada (SL), é dicir, unha parte da asociación está vinculada o que é o ensino e a divulgación da música tradicional, mentres que pola outra banda se desenvolve a venda  de grupos e outras producións vinculadas á escola.

A coordinadora pedagóxica da aCentral Folque, Gema Pérez, explica as bases fundamentais do proxecto, que son: divulgación, ensino, produción, e investigación.

“Son as catro cousas que facemos entorno á música tradicional e popular galega dende unha perspectiva bastante aberta. Nós conectamos con Brasil, Cuba, Portugal, e outras tradicións musicais vinculadas a Galiza. Tamén nos atopamos en contacto con outras tendencias actuais como a música electrónica, Jazz...”

"A música somos todos, é unha manifestación cultural"

aCentral Folque é un colectivo de música que se enfrontan aos distintos retos que o sistema lle presenta á música e que a música, a súa vez, lle presenta ao sistema.

Contan con AFI, na cidade de Pontevedra, unha escola dedicada exclusivamente para nenos e que segue a mesma liña de ensino ca aCentral Folque. “A escola para nós é a semente de todo o que acontece, é a comunicade, que é moi importante. A música somos todos, é unha manifestación cultural”, engade Gema Pérez.

Actualmente aCentral Folque logra manterse con vida grazas á axuda do Concello de Santiago, que lle ofrece os locais que dedican á escola e certos acordos coa Deputación. “Houbo momentos de bonanza nos que recibimos subvencións que cubrían as nosas necesidades como escola pero hoxe en día é un desastre a axuda que recibimos por parte da Xunta. Tamén é un condicionamento político ao fin o cabo, algúns poden darche e outros non”, quéixanse dende o centro.

Para os membros do centro, a música é todo. Forma parte das súas vidas e das súas relacións coas persoas. Observándoos comprendemos que é algo emocional e moi importante tanto para a súa vida como para o mantemento das nosas tradicións.

"Onde hai talento hai creación"

No caso de Gema as persoas do seu redor, como a súa familia, que non se dedican a música, levan toda a súa vida escoitándolle falar de música, isto reflexa o lugar que ocupa na súa vida. “É algo fascinante dedicarlles a túa música ás persoas que queres, aínda que  tamén é unha ferramenta de reivindicación e comunicación. A música fai parte de todo e teño a sorte de que para min sexa tamén unha vía profesional.”

Cando lle preguntamos a Gema en que punto se atopa a música tradicional galega a día de hoxe, responde convencida que nunca se coñeceu tanto o folclore nin nunca houbo xente tan preparada coma agora. Mais pola contra Davide Salvado, mestre de canto, afirma que este proxecto ten moita menos influencia na música tradicional do que debería

“Aínda que ofrecemos clases impartidas por grandes profesionais da música o noso alumnado tampouco é moi elevado”, responde Davide.

Mencionando se este problema pode ter algunha relación co custe das matrículas dos cursos, Davide confirmou a nosa sospeita, mais reafirmouse dicindo que a oportunidade de aprender con estes profesionais xustifica o desembolso económico.

Este problema da crise vai moito máis aló, non é que só poida afectar no número do alumnado do centro, senón que pode repercutir no traballo profesional e no día a día dun músico.

Porén, Gema ten unha visión máis positiva “Iso para o músico non vai ser o que lle pare o carro. A motivación económica non é a principal para quen se dedica á música. Onde hai talento hai creación”, puntualizou.

Comentarios