Primeira colección en galego de lectura fácil

Accesíbel Jules Verne

As aventuras subacuáticas do Capitán Nemo abrirán a primeira colección en galego de lectura fácil. Adaptado pola Asociación Xoán XXIII de Pontevedra, as 20.000 leguas baixo dos mares, o clásico de Jules Verne publicado orixinalmente entre 1869 e 1870, abrirá unha serie de seis títulos que, da man da Editorial Galaxia, achegarán os libros a persoas con dificultades lectoras transitorias ou permanentes.
 

ilustración Miguel Rocha 20.000 leguas
photo_camera Ilustración de Miguel Rocha para '20.000 leguas baixo dos mares'.

“Igual que un elevador ou unha rampla no nivel físico, a lectura fácil é un sistema de accesibilidade a nivel cognitivo”, explica o pedagogo Diego Chapela, director da Xoán XXIII e coordinador da adaptación. Coordinador porque na lectura fácil é tan importante o encargado de redactar a obra segundo os novos estándares como o grupo de validación do resultado. Neste caso, usuarios e usuarias da asociación.

20.000 leguas baixo dos mares 2

“É como o control de calidade”, di Chapela, “van lendo a novela, sinalan os tramos que non son comprensíbeis ou algunhas palabras”. Esas indicacións orientan o traballo de adaptación, que rexe por un acordo de ámbito europeo “para facilitar a comprensión lectora”, mais cuxos antecedentes proceden dos Estados Unidos.

Trátase dunha serie de criterios de redacción, edición e ilustración que transportan a obra neste caso literaria a terreos máis doadamente abordábeis para persoas con discapacidade. “A nivel de sintaxe, por exemplo, cómpre elaborar oracións simples e vocabulario concreto”, indica o pedagogo, “organizado en parágrafos pequenos, cunha oración por liña e unha idea en cada parágrafo”.

Ademais, é obrigada a supresión dos saltos temporais na trama: ordenación cronolóxica continua. “Hai un traballo importante de remodelación da estrutura”. No plano editorial, os libros de lectura fácil deben imprimerse cunha tipografía de tamaño 12 ou superior, un interliñado 1,5 ou superior e un texto non xustificado. “Un compendio de medidas técnicas”, resume.

Diego Chapela relata que o método de lectura fácil medra. “Xa non existen unicamente adaptacións, senón novelas directamente escritas para lectura fácil. Estanse adaptando os textos lexislativos e traballamos en acordos para que as sentenzas xudiciais tamén o fagan”, expón, e párase: “A min se me dan unha sentenza, gustaríame que ma desen en lectura fácil. Como calquera norma de accesibilidade, física ou non, beneficia a todo o mundo, non unicamente ás persoas ás que vai dirixida. Se é bo para un, é bo para todos”.

"Acceso á cultura en galego"

Na Editorial Galaxia, que pon en marcha a colección coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística, salientan “o dereito das persoas ao acceso á información e á cultura en galego independentemente da súa situación e como ferramenta de empoderamento para aquelas que teñen algún tipo de diversidade funcional”.

O propio Chapela defende o estímulo que, para o pensamento crítico, supón o “achegamento á cultura” non só “para persoas con discapacidade” -coas que traballa a Xoán XXIII-, senón tamén para inmigrantes que non coñecen a lingua ou para anciáns con dificultades alfabetización. “Poder gozar dunha novela deste tipo é fundamental”, di.

A asociación escolleu 20.000 leguas baixo dos mares por, entre outros aspectos, “a súa vinculación con Vigo”. E porque Miguel Rocha, usuario da mesma e ilustrador da edición, “é un gran artista que leva 25 anos estudando a novela e investigando os personaxes”. “Para a Xoán XXIII, é un paso enorme e que mellor que facelo cunha institución fundamental da cultura galega como Galaxia”, conclúe Chapela.

Comentarios