Oito académicos replican ao presidente Víctor Freixanes

Oito membros numerarios da Real Academia Galega replican, nunha carta aberta, a entrevista do presidente Víctor Freixanes con Sermos Galiza.

photo_camera Sede da Real Academia Galega, na Coruña.

Xosé Luís Axeitos Agrelo, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Chus Pato, Xosé Luís Regueira Fernández, Manuel Rivas Barrós e Euloxio Rodríguez Ruibal cuestionan as afirmacións de Freixanes sobre a posibilidade ou non de expulsar Xosé Luís Méndez Ferrín e do conflito aberto ao respecto no último plenario da institución.

A maiores, tamén critican o seu posicionamento sobre a “recuperación e preservación da toponimia e a antroponimia” galegas. Na entrevista, Freixanes defendeu o criterio de que a restitución da forma orixinaria dos apelidos é unha cuestión que depende da decisión persoal de cada individuo.

***

Carta aberta ao Presidente da RAG

Diante das manifestacións realizadas polo Presidente da RAG na entrevista publicada en Sermos Galiza o día 22 de abril de 2018, os académicos de número abaixo asinantes vémonos obrigados a facer unha serie de consideracións e puntualizacións:

1. Este grupo de académicos non comparte a súa visión sobre o tratamento da onomástica, porque a RAG está obrigada a velar pola recuperación e preservación da nosa toponimia e da nosa antroponimia, polo tanto dos nomes de lugar e dos nomes e apelidos das persoas. Queremos pensar que é unha visión persoal e non a do Presidente da RAG.

2. Considerar que a actual división interna no seo da RAG se debe a "unha especie de resentimento" dun grupo de académicos non deixa de ser unha análise simplista, que obedece á vella estratexia de "patoloxizar" o adversario. Unha vez sentado este diante do médico -caso do cancro nacionalista- ou no sofá do psicoanalista -caso do resentimento duns académicos-, fronte á cordura e á sensatez dos profesionais, ao indefenso adversario só lle queda seguir o tratamento oportuno marcado: confesarse e reintegrarse despois de admitir as súas doenzas. Pero nós non acreditamos que haxa enfermos ou pecadores dispostos a pedir tratamento médico, nin absolución, nin sequera certificado de boa conduta.

3. A RAG que presidiu F. Fernández del Riego, X. R. Barreiro Fernández e X. L. Méndez Ferrín fixo un esforzo por desvincularse do control de determinados grupos de poder para dialogar directamente coa sociedade, sen intermediarios. Isto tivo como consecuencia que a RAG fose unha institución cada vez máis querida e apreciada, especialmente en sectores comprometidos coa defensa da lingua e cultura galegas. Esta liña tronzouse debido á vocación de mediación que teñen certos grupos que asumen herdanzas do pasado, e a RAG deixou de ser avangarda e referente na defensa social do noso idioma. É no marco desta realidade onde hai que analizar as causas da freita interna e o porqué de que haxa académicos que non se senten cómodos, a pesar de que seguen traballando arreo, coa esperanza de que a RAG recupere algún día a súa posición de referente para a sociedade.

4. Consideramos francamente nesgada e confusa a visión que ofrece sobre o acontecido na última sesión do Plenario, pero este é un tema do que teremos que falar dentro da propia RAG. Non queremos restaurar "un pouco" a figura de Ferrín, como nos atribúe o Presidente, porque a súa figura non necesita restauración e está moi por riba dos posibles "restauradores". Tal como explicamos nun escrito público do 21-3-2018, o que un grupo de 8 académicos solicitou foi literalmente "que se reincorporase o nome de X. L. Méndez Ferrín á relación de actuais académicos de número" porque a dimisión de Ferrín non foi aceptada polo Plenario e, polo tanto, continúa a ser académico de número.

5. Este “sector minoritario” continuará a traballar pola Institución, e seguirá poñendo todo o seu empeño en recuperar o espírito e os valores que a habitaban non hai moitos anos.

25 de abril de 2018

Asdo:
Xosé Luís Axeitos Agrelo
Darío Xohán Cabana
Francisco Fernández Rei
Manuel González González
Chus Pato
Xosé Luís Regueira Fernández
Manuel Rivas Barrós
Euloxio Rodríguez Ruibal

Comentarios