Sete académicos reivindican o impulso orixinal de Carvalho para o Día das Letras

Ricardo Carvalho Calero será, á fin, protagonista do Día das Letras Galegas. E serao dunha maneira singular: dúas propostas distintas, rexistradas con apenas unhas horas de diferenza e por dous grupos de académicos distintos, apostan polo intelectual ferrolán. Sete membros da institución, todos asinantes dunha das dúas iniciativas, reivindican nun comunicado o impulso orixinal da candidatura.

photo_camera Porta da Real Academia Galega. Foto: cedida.

“Un grupo de membros da Real Academia Galega levamos seis anos consecutivos propoñendo a figura de Ricardo Carballo [Carvalho] Calero como personalidade literaria do Día das Letras Galegas”, comeza o texto, referendado por Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos, Euloxio Ruibal, Manuel Rivas e Xosé Luís Regueira, “dada a calidade incuestionábel do seu inmenso labor”. Cinco veces foi rexeitado polo plenario da Academia.

Os redactores do documento entenden que o debate ortográfico foi sempre un dos problemas para Carvalho: “Somos moi conscientes da opción reintegracionista que defendeu Carballo desde mediados da década dos 70, pero consideramos que a academia non debe temer o debate normativo, pois mala cousa sería se a institución non fose quen a defender social e filoloxicamente a bondade da normativa vixente”.

Lembran que o ano pasado rexistraran a mesma proposta e que, “dúas semanas despois”, varios académicos presentaron Antonio Fraguas, finalmente distinguido. E relatan a súa versión do sucedido o pasado 20 de maio. “Nove académicos presentamos, unha vez máis, a proposta de Carballo para o DLG 2020”, din, “horas antes, 13 académicos presentaron outra tamén para Carballo”.

O comunicado afirma que “resulta sorprendente que quen hai só un ano consideraba que a elección de Carballo sería un atentado contra a lingua galega vexa agora unha figura merecente de ser celebrada, viraxe que talvez se deba á intención de botarlle terra a un lamentábel proceder en anos anteriores”. Critican que “fontes da Academia” falen agora das dúas iniciativas como “maioritaria” e “minoritaria”. “En realidade son, por unha parte, a proposta que se fai por sexto ano consecutivo; e por outra, a proposta froito da presión externa e interna”.

O quinto e último punto dun texto titulado "A Galicia insólita: dúas propostas para Carballo Calero DLG 2020" é o más duro. “Non cuestionamos, en absoluto, a legalidade da cualificada como proposta “maioritaria”; porén, cremos que hai actuacións moralmente detestábeis, como ocorre con esta proposta insólita, que conta co apoio de toda a Executiva da Academia. Así e todo, celebramos que, por fin, Ricardo Carballo Calero teña o xusto e merecido Día Das Letras Galegas”.

Comentarios