Os académicos críticos da RAG non asisten ao pleno

Varios académicos da RAG críticos co mandato de Alonso Montero e coa candidatura única de Freixanes non asisten ao pleno extraordinario no que se elixirá o seu presidente. Manuel González explica nunha carta o porqué. 

manuelglez-alonsomontero
photo_camera Manuel González e Alonso Montero [Foto: RAG]

Esta mañá un medio de comunicación daba a coñecer parte do contido dunha carta privada do académico Manuel González na que anunciaba que el e outros membros da RAG non acudirían ao pleno de hoxe. Fronte a isto, González decidiu enviar esta mañá a todos os medios a carta completa "diante da sorpresiva publicación dun extracto do escrito privado enviado aos membros do Plenario da RAG en representación dun grupo de académicos". 

Na misiva, González afirma que "non queremos ser corresponsables dunha vía que afonda na división da Academia e anunciamos con dor que algúns membros deste grupo non asistiremos ao Plenario de elección do novo presidente". Ademais, critica a convocatoria "precipitada": "Fíxase unha data que deixa exactamente 5 días laborables para falar, negociar, acordar  e presentar candidaturas". E espeta: "Realmente parece moi pouco serio e moi pouco responsable". 

González considera "estraño" que foran convocados para elixir presidente "sen que coñezan ningún programa nin cales van ser as liñas de actuación. Tampouco se coñece que académicos van conformar a comisión executiva"

Tamén considera "estraño" que os membros do Plenario foran convocados para elixir presidente "sen que coñezan ningún programa nin cales van ser as liñas de actuación propostas polo candidato. Tampouco se coñece que académicos van conformar a comisión executiva, fóra do que anuncia a prensa, na que figura unha persoa que aínda non asistiu a ningún plenario". 

No seu escrito o tamén presidente do PuntoGal desvela negociacións frustradas para construír unha candidatura de consenso, e acusa aos actuais xestores de non propiciar "ningunha vía de diálogo". "Nós propuxemos unha candidatura única", afirma, que "foi, primeiro, retardada e, despois, rexeitada, a pesar dos puntos de coincidencia na análise da situación nas conversas iniciais entre Víctor Freixanes e eu mesmo".