Academias e Circos na Coruña de Carlos III a Isabel II

antigo-edificio-circo-artesanos
photo_camera O antigo edificio do Circo de Artesanos

Entre 1850 e 1875 A Coruña experimentou un importante incremento de poboación, até alcanzar os 30.000 habitantes en 1876. Isto -unido, ou tal vez debido, a unha crecente industrialización centrada especialmente na Fábrica de Tabacos, con 4,000 operarias, mais tamén noutro tipo de fábricas como as de tecidos, serradoiros, fariñas, mármores, vidreiras, gas ou fundición- favoreceu que abundasen as sociedades privadas de ocio e recreo, que inclúen a instrución académica entre os seus fins.

Falaremos de dúas delas, unha nacida no século XIX e aínda activa; a outra nada no XVIII e desaparecida ao pouco da súa constitución

O Circo de Artesáns

Hai 170 anos, un 6 de xaneiro de 1847, constituíuse na Coruña o Circo recreativo é instructivo de Artesanos. Unha guía da cidade de 1877 dá conta de todos os servizos que ofrece A Coruña a esa altura e, alén de nos propor rutas e paseos urbanos, figura un apartado destinado aos denominados “Circos de Recreo”, isto é, sociedades destinadas ao ocio, e tamén á instrución, dos seus asociados.

ArtesanosÉ posíbel -dinos Antonio Coumes-Gay, autor da guía- que non haxa en España cidade que conte cun número de sociedades de recreo tan crecido como A Coruña, atendendo á súa poboación”. E cita as sete activas nese momento:

Circo recreativo é instructivo de Artesanos

Tertulia de la Confianza.

Casino Coruñés.

Círculo de Gimnasia y Esgrima.

Sociedad Bretón de los Herreros.

Liceo Artístico.

Todas teñen salas de xogos, gabinete de lectura, algunhas biblioteca e, alén diso, ofrecen concertos, representacións dramáticas ou brillantes bailes de máscaras e traxes. Unha destas sociedades comeza a ser referente da burguesía media da Coruña, e a ter importante influencia política, especialmente na proxección pública dos aspirantes á alcaldía. É o Circo de Artesáns, organizador de festas como o enterro da sardiña na noite da cuarta feira de cinza, entretemento “muy agradable al pueblo” onde os socios demostran a súa ilustración e sensatez.

A escenificación do enterro era no teatro Principal. En 1860 correspondeu a Francisco De la Iglesia compor as cantigas a interpretar. Cóntao el, en carta ao irmán: viñéronme á catar para asistir ôs ensayos das cantigas que se han de botar no enterro da sardiña, que me fixeron compor e tiven que acabar como Dios me deu a saber no teu escribidoiro. Non era a primeira vez que De la Iglesia facía de letrista para a festa do enterro da sardiña. Xa fora dous anos antes cunha “Canción epigramática” para o enterro da sardiña dedicada ao Recreo Artístico e Instructivo de Artesanos, unha composición acompañada con música de Jorge Yañez, e tamén un ano máis tarde, no 1861, coa composición presentada aos Xogos florais promovidos por López Cortón. Posiblemente na estrutura do discurso se combinase prosa e verso, galego e castelán. Así é polo menos o texto que conservamos de 1863.

No circo, xa nesta altura transformado en Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos, do 2 ao 22 de marzo de 1920, estiveron expostas por vez primeira as 49 estampas de Nós, o álbum de Castelao editado en 1931.

A Real Academia de Agricultura

No século XVIII, reinando Carlos III, constituíuse na Coruña outra sociedade, agora seguindo os moldes ideolóxicos dunha parte dos ilustrados e levantando todas as suspicacias posíbeis noutra, especialmente en Sarmiento. Se o Circo de Artesáns chegou até hoxe, a Real Academia de Agricultura durou só seis anos. O 20 de xaneiro de 1765 A Coruña inaugura a Real Academia de Agricultura. Julian Robiou, latifundista andaluz interesado na mellora da produción agrícola, especialmente a súa, foi o primeiro presidente, en canto Intendente Xeral.

A idea, dado o lugar de fundación, a procedencia dos académicos e o descoñecemento do idioma do país levantou as suspicacias de Sarmiento: “¿Quién persuadirá a los labradores gallegos que les será útil una Academia de Agricultura fundada en el lugar más arenoso y estéril de Galicia, cual es La Coruña, y en donde los más de los habitantes son hombres de pleitos y de pluma, o son de espada y milicia, o son de bolsa y comercio, o son una tropa de extranjeros advenedizos que no saben una palabra ni un verbo de la lengua gallega, tan preciosa para hablar con los labradores gallegos puros? ¿Si los gallegos que tienen hebillas en los zapatos hacen estudio de huir de la lengua que han mamado por no manchar el armiño del idioma castellano pegadizo a uso del país, que se podrá esperar de ellas y de los extraños para la Agricultura e Historia Natural de Galicia?”.

Screen Shot 2017-09-15 at 11.37.46Os seus estatutos fixan o número de académicos (24) e de correspondentes (29) procedentes das provincias de Santiago, Betanzos, Lugo. Mondoñedo, Ourense e Tui. Fixan tamén o día das xuntas: o domingo á tarde “por ser o día que se comprende máis desocupado e acomodado por todos”. Os obxectivos, promover a racionalización das explotacións, mellorar a xestión do monte veciñal e a comercialización de produtos. Iso recollen os estatutos.

Procurarase persuadir os labradores con experiencias prácticas a fin de que se instrúan en mellorar o cultivo. Tamén se prevé “premiar” e indemnizar o labrego por algúns gastos. Mesmo convocar concursos, como o de 1867 que premiou os mellores prados artificiais e as mellores variedades de liño, todo sustentado na idea de ampliar as zonas de cultivo, anovando montes ou desecando lagoas. Na realidade a preocupación era adecuar a agricultura á industria, introducindo cultivos como o cáñamo, útil para a fábrica de cordoería na Coruña.

Na véspera de defuntos de 1771 a Real Academia fechou as súas portas.

Eis dúas institucións de traxectoria ben distinta. E como Sarmiento tiña razón.

Comentarios