A Academia volta a aprazar o plenario sobre o Día das Letras

En Santiago, el presidente del Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, preside el acto de presentación del libro 'Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións', editado por la Cámara gallega. Pazo do Hórreo.
photo_camera Víctor Freixanes, presidente da RAG, coa filla de Carvalho Calero María Victoria Carvalho-Calero Ramos, na presentación do libro de María Pilar García Negro no Parlamento da Galiza (Imaxe: Arxina).

A Real Academia Galega (RAG) anunciou que finalmente non decorrerá este sábado, 31 de outubro, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, que ía desenvolverse a partir das 12horas na sede da institución, na Rúa Tabernas, 11, da Coruña.

A decisión tómase tras o anuncio das autoridades do fechamento perimetral das cidades galegas debido ao agravamento da pandemia e o acto queda posposto á espera de coñecer como evoluciona a situación sanitaria.

Xa en abril a pandemia obrigou á RAG a pospor o pleno extraordinario que se realiza tradicionalmente o 17 de maio até o mes de outubro, unha medida inédita e sen precedentes na historia das Letras Galegas.

A data elixida entón para celebrar o pleno era este sábado 31 de outubro, xusto o día despois da conmemoración do 110 aniversario do nacemento do intelectual ferrolán. Ía ter lugar en lugar en Ferrol, mais a Academia decidira trasladalo á Coruña debido á pandemia. Unha decisión que provocou críticas por parte do BNG de Ferrol. 

Tamén ficou anulado o acto de lectura continuada da principal obra narrativa de Carvalho Calero Scórpio iniciada pola neta de Carvalho Calero, Margarida Cela. Este acto, previsto para a tarde da sexta feira, ía decorrer no salón nobre da USC, en Fonseca.

 

O anuncio de aprazar o pleno chega un día despois de que o Concello de Lugo aprobase en sesión plenaria, a instancias do BNG, prolongar o Ano Carvalho Calero, e as celebracións municipais, a 2021. Na xornada anterior era Vía Galega quen reclamaba estender a homenaxe ao ano que vén.

Celebrar o Ano Carvalho en 2021, debido ás limitacións que supuxo a pandemia e ao fechamento dos centros de ensino cando se conmemoran as Letras Galegas, foi unha demanda reiterada polo asociacionismo de base, coa federación de asociacións culturais Galiza Cultura á fronte, mesmo antes de abril e foi desbotada recentemente pola Academia.

O feito de ter que pospoñer o pleno do Día das Letras a unha data aínda non marcada no calendario volve dar ao tecido social e cultural motivos para reivindicar a prolongación do Ano Carvalho Calero a 2021.

Comentarios