mércores 23/09/20

A Academia valorará estender o Ano Carvalho Calero até 2021

A decisión da RAG será nun pleno á volta do verán no que se analizarán "todas as circunstancias" e propostas trala crise sanitaria

Ricardo Carvalho Calero nunha imaxe de arquivo.
Ricardo Carvalho Calero nunha imaxe de arquivo.

As extraordinarias circunstancias en que se desenvolve este ano a celebración das Letras Galegas co Ano Carvalho Calero fixeron que a Real Academia Galega (RAG) tomara a decisión, sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de maio, de adiar o seu acto oficial até o mes de outubro.

O estado de alarma decretado polo Goberno español afectou a toda a programación de actos prevista e por este motivo numerosas voces, da man de escritoras, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de Carvalho Calero, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata "dunha posibilidade que está aí" mais que a institución terá que valorar no seu momento. Neste sentido avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias o permitan, á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e as académicas e académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas.

"Nós non nos fechamos", asegurou, mais antes haberá que "reunirse", posto que de momento non tiveron "nin posibilidade legal" nin material para celebrar un encontro nas condicións necesarias para abordar esta posibilidade e as propostas sociais realizadas neste sentido.

Superar as circunstancias

O presidente da Academia defendeu que "a visibilización está aí" e que a institución "está a facer un esforzo grande" para celebrar a Carvalho Calero, "con iniciativas de todo tipo" a través das redes para tentar paliar a suspensión de eventos e de actos presenciais.

Freixanes realizou un chamamento a superar estas circunstancias e "ser capaces, con imaxinación e esforzo", de impulsar "iniciativas extraordinarias" e celebrar a Carvalho Calero coa “dignidade que merece", como o acto central en Ferrol do próximo 31 de outubro coincidindo co aniversario do escritor.

Reparar o que sería unha inxustiza

Entidades, como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a Associaçom Galega da Língua (AGAL), recoñeceron o intento da Academia de compensar esta situación, mais consideran que as circunstancias fan "moi difícil" a difusión adecuada dunha figura do calibre do autor de 'Scórpio' e do primeiro canon da historia da literatura galega.

A AELG remitiu unha carta ao presidente da Academia para transmitirlle persoalmente a petición de que 2021 sexa tamén o Ano Carvalho Calero, despois de que a crise anulase "toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación" do narrador, poeta e ensaísta, tanto no panorama educativo como cos concellos.

"Pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural", insisten na misiva.

A federación de asociacións culturais Galiza Cultura tamén realizou unha petición neste sentido, a través dunha misiva subscrita pola súa presidenta, a escritora Pilar García Negro.

"A excepcionalidade de tal medida está máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinalou, tendo en conta o gran abano de actos que sempre acompaña á conmemoración.

comentarios