venres 23/07/21

A Academia revela os segredos dos nomes dos concellos do noroeste

Un libro recolle a orixe e significado dos topónimos.
Un retazo da capa do novo libro da RAG. (Foto: RAG) #rag #topónimos #concellos #municipal
Un retallo da capa do novo libro da RAG. (Foto: RAG)

Gonzalo Navaza, académico correspondente, reúne a orixe e o significado dos nomes dos 93 concellos da Coruña nunha nova publicación da Real Academia Galega. O volume ofrece un breve e sinxelo comentario histórico e etimolóxico dos nomes dos 93 municipios e fai constar os rexistros documentais máis antigos que se coñecen, na súa meirande parte tomados de textos medievais en latín e en galego.

A orixe e evolución de moitos topónimos é ben coñecida, sexa porque gardan relación con palabras do léxico común, porque teñen paralelos ou correspondencia na toponimia doutras áreas ou porque a documentación histórica aclara as incógnitas.

Pero outros nomes de concellos, explica o autor, teñen unha etimoloxía escura ou dubidosa.

Para estes casos, o filólogo resume n’Os nomes dos concellos da provincia da Coruña as hipóteses máis aceptadas entre os especialistas na actualidade, ou as máis verosímiles de acordo cos principios de rigor da gramática histórica e da ciencia onomástica.

O libro repasa nomes tomados do léxico común e expón as hipóteses máis plausíbeis para explicar o significado daqueles topónimos de orixe prerromana.

En canto ao topónimo que dá nome á Coruña, ten suscitado múltiples hipóteses etimolóxicas. “A crenza de que existía antes de 1208, levou a consideralo de orixe prerromana”, lembra Navaza.

Pero o mellor coñecemento das retoponimizacións levadas a cabo por Afonso IX permite atribuírlle a Crunia unha orixe literaria: “O rei tomou o novo nome dunha cidade mencionada entre as supostas conquistas de Carlomagno na Galiza segundo a lenda da Historia Turpini, un dos libros do Códice Calixtino (século XII). Desta fonte tomou este rei outros topónimos como Baiona ou Viana para renomear vilas reguengas con motivo da concesión do foral”, conclúe.

comentarios