A Academia quere que o Ano Fraguas “sirva para estabelecer pontes coas novas xeracións”

“Este ano será unha ocasión especial para estabelecer pontes entre as novas xeracións, que viven no mundo globalizado e das tecnoloxías da comunicación, e as raíces dos avós, da memoria dunha cultura que non naceu onte”, expuxo o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, na presentación das iniciativas do Ano Fraguas.
 

20190222-Programacion-Letras_Galegas-Fraguas-2
photo_camera Representantes das institucións que participan nas actividades no Ano Fraguas na presentación do mesmo no Museo do Pobo Galego. Foto: Real Academia Galega.

O Museo do Pobo Galego acolleu o acto esta sexta feira, en que tamén participaron o conselleiro de Cultura Román Rodríguez; o presidente da fundación Antonio Fraguas Justo Beramendi; a presidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez; o alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela; a concelleira de Acción Cultural de Compostela Branca Novoneyra; e o director de contidos da CRTVG Fernando Ojea.

“O Ano Fraguas será unha boa oportunidade para reivindicar as raíces populares do idioma e da cultura popular que o etnógrafo tanto estudou e contribuíu a dignificar, seguindo o ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que el mesmo pertenceu”, afirma a Academia.

As iniciativas e accións coordinadas pola Real Academia Galega poden consultarse nesta ligazón. Pero entre as principais que salienta a institución da rúa Tabernas atópanse a tradicional sesión solemne do seu pleno, que será no Concello de Cerdedo-Cotobade o propio 17 de maio.

A web Primavera das Letras achegará ao alumnado de infantil e primaria recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e obra de Fraguas. Os 26, 27 e 28 de novembro, numerosos especialistas participarán no simposio organizado pola Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega.

A Xunta de Galiza promoverá, ademais, a exposición itinerante Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, a partir de abril. Mostras bibliográficas percorrerán as bibliotecas do paíse haberá conferencias ou concertos arredor de Fraguas.

Comentarios