A Academia e Punto.Gal buscan os mellores microrrelatos

Terceira edición do singular concurso literario
photo_camera Entrada da Real Academia Galega, na Coruña. Foto: RAG.

Duascentas palabras deben abondar a quen queira obter o premio de microrrelatos da Real Academia Galega e a Asociación Punto.Gal. É o límite de extensión dos textos que participen na terceira edición do certame que as dúas entidades convocantes presentaron onte na Coruña.

"As novas xeracións propoñen novas formas de crear e as novas tecnoloxías instauran novos modelos de expresión, novas linguaxes. O microrrelato é un xénero especialmente representativo desta nova realidade", expuxo o presidente da Academia, o escritor Víctor Freixanes, "esixe dominio dos recursos expresivos, control da lingua na procura da máxima eficacia posíbel, imaxinación, selección argumental...". A estas técnicas deberán responder os relatos que opten aos nove premios do concurso: tres por categoría, que son a infantil (até 11 anos), a xuvenil (de 12 a 17 anos) e a de persoas adultas.

O prazo de presentación de orixinais durará todo o mes de febreiro e a recepción será no enderezo electrónico [email protected]. Quen obteñan os galardóns serán agasallados con "distintos premios tecnolóxicos, ordenadores, consloas, lectores electrónicos de libros, relacionados coa lectura.

"Mediante esta iniciativa pretendemos chegar a un alto número de persoas de todas as idades e de toda condición social", explicou o presidente de PuntoGal, e académico, Manuel González, "aspiramos a que participen escritoras consagradas pero tamén nenas e nenos, mulleres e homes do común". Na primeira edición optaron ás distincións case 400 microrrelatos, que o pasado ano medraron até case medio milleiro.

Comentarios