Dedicado ás coplas populares de Cotobade

A Academia publica o discurso de ingreso de Fraguas en 1956

As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán foi o título do discurso co que Antonio Fraguas ingresou na Real Academia Galega o 8 de maio de 1956. A institución vén de o dispoñibilizar nunha edición dixital facsimilar canda a réplica, pronunciada por Ramón Otero Pedrayo.
 

antonfraguas
photo_camera O etnógrafo Antonio Fraguas. Imaxe: cedida.

Fraguas (Cotobade, 1905-Compostela, 1999), figura protagonista do Día das Letras Galegas, entrou na rúa Tabernas ocupar a cadeira de Castelao. Xustamente o rianxeiro fora o seu profesor no Instituto de Pontevedra e despois compañeiro no Seminario de Estudos Galegos. “Confeso que sinto neste momento un medo tremendo, estremecente”, dixo aquel día de 1956, “veño ocupar un lugar que quedou baleiro o 7 de xaneiro de 1950 cando alá lonxe, en Bos Aires, morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que por non poder varrer a morte do leito dos enfermos non quixo exercer a meiciña”.

Era Castelao, a dicir de Fraguas, aquel cuxa cadeira “quizais fora mellor deixar vacante deica outro artista coma el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas, viñera ocupar este posto”. Após a loanza do exiliado, o etnógrafo iniciaba unha análise das coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro, no seu Cotobade natal. A súa querenza e estima polos costumes en común do pobo galego, a cultura popular e a poesía musical quedaba de manifesto.

“A noite é pequena para escoitar todas as coplas e romances que saben as mozas e mozos, e vanas cantando con relación a parrafeos, coplas e promesas”, explicou, e puxo exemplos: “De Loureiro a Rebordelo / todo é camiño chan, / todas son rosas e flores / postas pola miña man”. Aquel traballo de escoita e colleita e análise daría, andados os anos, un dos grandes traballos de Fraguas, o Cancioneiro de Cotobade, publicado pola Fundación Otero Pedrayo en 1985.

“Viva, viva quen me axuda, / viva quen me está axudando, / vivan os señores todos / que me están acompañando”, rematou a súa intervención Antonio Fraguas.

Comentarios