A Academia Galega de Belas Artes homenaxea Domingo de Andrade

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) realizou na quinta feira o acto institucional en lembranza do arquitecto Domingo de Andrade, homenaxeado en 2020 e 2021 no Día das Artes Galegas.
quintana
photo_camera Quintana Martelo, durante a homenaxe (Imaxe: Nós Diario).

O presidente da Academia, Quintana Martelo, salientou a importancia da figura de Domingo de Andrade nos ámbitos internacional e galego do Barroco, e indicou que esta lembranza, ao igual que un acto solemne con público previsto para máis adiante, “ten como obxecto o estudo, difusión e posta en valor dos seus edificios e a calidade da súa obra como arquitecto e retablista, un ceense de proxección universal que levantou obras tan monumentais como a Torre do Reloxo de Santiago”.

Quintana Martelo subliñou que, a partir de 1676, na obra da coñecida popularmente como Torre da Berenguela –unha construción de empeño colectivo do Cabido e dos santiagueses– Andrade contaba con 37 anos e o seu recente estreo na condición de mestre de obras da Catedral de Compostela.

“O arquitecto do Barroco galego incorpora a construción da cidade como a gran protagonista da súa arquitectura, como se aprecia nun percorrido detido pola Praza da Quintana para ver a Torre do Reloxo, o Pórtico Real, a Casa da Conga e a Casa da Parra e a cuberta da Capela do Pilar, todos eles edificios que enriquecen o espazo urbano nos que se atopan”, argumentou.

A conmemoración decorreu na Capela da Concepción da Catedral de Santiago, lugar onde está soterrado Andrade, e na nave de Azabachería coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Debido á situación de emerxencia sanitaria, a a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu prolongar a homenaxe de Andrade de 2020 a 2021.

O cartel para a celebración do Día das Artes Galegas en homenaxe a Domingo de Andrade foi deseñado polo académico de número da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta Institución.

Día das Artes Galegas

O Día das Artes Galegas foi creado en 2015, celebrando o Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos.

Na última edición de 2019 a figura homenaxeada foi Luís Seoane. En anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Alejandro de la Sota (2018), Maruxa Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).

Comentarios