VOTARASE NO SEGUINTE PLENO

A Academia fai oficial a proposta de Marilar Aleixandre para ocupar a vacante de Neira Vilas

O Plenario da Real Academia Galega oficializou na mañá do sábado a proposta de Marilar Aleixandre, colaboradora de Sermos Galiza, para cubrir a vacante que ficou debido ao falecemento do académico numerario Xosé Neira Vilas. A candidatura votarase no vindeiro Pleno.

marilar aleixandre- xerais

Após proclamar a vacante de Xosé Neira Vilas debido ao seu falecemento no Plenario do 11 de decembro, a Real Academia Galega fixo oficial no Plenario da mañá do sábado a proposta de Marilar Aleixandre, colaboradora de Sermos Galiza, para cubrir a praza do autor de Memorias dun neno labrego.

Na sesión deste sábado tamén se declarou vacante a rexistrada polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro.

A Academia informa de que as candidaturas de novos membros numerarios poden presentarse por escrito até 24 horas antes do Plenario posterior ao da proclamación de cada vacante. Cada unha das listas deberá ir avalada polas sinaturas de tres membros de número da Academia. Unha vez oficializadas as listas sométense a votación no seguinte Pleno.

Comentarios