A Academia do Audiovisual recupera os Premios María Luz Morales

A figura de Morales, a primeira muller do Estado directora de xornal, recoñecida de novo nun premio que vén de crear a Academia Galega do Audiovisual. No bipartito xa se creara un galardón co seu nome para ensaios breves neste mesmo ámbito. 

premio-mariluz
photo_camera Presentación do Premio esta mañá na Deputación da Coruña

A Academia Galega do Audiovisual vén de crear os premios María Luz Morales para promover a investigación científica no ámbito audiovisual. Desde esta primeira edición, estes premios contarán con catro modalidades que atenderán traballos de videoensaio e ensaio escrito, de ámbito galego e internacional. Nesta iniciativa, a primeira destas características en Galiza, participan as catro deputacións galegas.

A convocatoria dos premios María Luz Morales pretende avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. O prazo para a presentación de traballos comezará o 15 de decembro e finalizará o vindeiro 7 de maio. Cada unha destas categorías estará dotada con 1.200 euros de premio e un galardón.

Pioneira

Escritora e xornalista, especializada na crítica de cinema e de teatro, María Luz Morales (A Coruña, 1889 - Barcelona 1980) dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia do Estado en ser directora dun diario. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, así como autora dunha extensa obra literaria. Mantivo a actividade xornalística até os 91 anos de idade.

Outros premios

A súa figura xa fora recoñecida no Goberno bipartito, cuxa Axencia Galega do Audiovisual creara en 2007 o Premio Mariluz Morales de Ensaios Breves sobre Audiovisual, que foi eliminado coa chegada de Feijoo ao Goberno galego. Asemade, La Vanguardia, Fundación La Caixa e o Observatorio Cultural de Género organizan o Premio María Luz Morales de Artigos sobre Empoderamento Feminino.