A Academia di agora estar disposta a homenaxear Carvalho Calero

O último plenario da Real Academia Galega decidiu, un ano máis, non lle dedicar o Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero. Dezaseis votos contra 8 inclinaron o debate, por intres virulento, a prol do historiador e etnógrafo Antón Fraguas. Non obstante, fontes próximas á presidencia da institución aseguran agora estar dispostas a homenaxear no futuro a figura do ferrolán.
 

Ricardo Carvalho Calero. Foto 560x362
photo_camera Ricardo Carvalho Calero.

Desde, polo menos, 2005, o de Carvalho Calero é nome habitual entre os candidatos ás Letras. Aquel ano presentouno o académico Xosé Luís Axeitos. Neste 2018 impulsárono o propio Axeitos, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei, Manuel Rivas, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Regueira e Euloxio Ruibal.

Nas semanas anteriores ao plenario do pasado 7 de xullo, persoeiros como o tradutor Plácido Castro ou a poeta Xela Arias desapareceron das discusións. Só chegaron ao final Fraguas e Carvalho. Desde a presidencia afirman que intentaron buscar consenso arredor deste último, pero que os promotores da candidatura se negaron. Estes alegan que calquera académico se podía sumar á súa proposta, como fixeron Barreiro Fernández ou Manuel Rivas.

En todo caso, a sesión do plenario resultou axitada. En defensa da opción Fraguas interviron, entre outros, Xesús Alonso Montero, Xesús Ferro Ruibal e Francisco Díaz-Fierros -o último, canda Salvador García-Bodaño, Pegerto Saavedra e Andrés Queiruga, os que presentaron a Fraguas.

Foi Ferro Ruibal, a dicir de varios dos presentes, o que realizou a intervención máis contundente en contra de Carvalho Calero. Chegou a pedir “non politizar as candidaturas” cando os carvalhistas lembraron o compromiso antifascista do autor de Scórpio. Xosé Luís Axeitos, Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato e Manuel Rivas falaron a prol de Carvalho Calero.

As mencionadas fontes próximas á presidencia insisten, pasado o pleno, en que consideran posíbel un Día das Letras para Carvalho Calero. Pero engaden que debe facerse “desde o consenso que integre todas as sensibilidades”. “É unha figura que merece o recoñecemento desta institución pola súa importancia na historia da literatura galega”, precisan estas fontes, mais ao tempo amósanse “preocupadas” polas repercusións que a escolla reintegracionista do ferrolán podería ter no ensino de ser finalmente o protagonista do 17 de maio.

Hai anos que unha parte importante do tecido cultural e asociativo do país reclama o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero, especialmente desde Ferrol e bisbarra -onde institucións e sociedade civil comparten causa. A importancia intelectual da súa figura é indiscutíbel, ben sexa como literato, ben como estudoso da lingua e da literatura, ben como docente. Mais a cuestión normativa manteno nunha especie de marxinación oficialista.

Comentarios