27 e 28 de novembro

A Academia debaterá sobre a vida e a obra de María Victoria Moreno

O ano María Victoria Moreno rematará este 27 de novembro co simposio da Real Academia Galega sobre a obra e a vida da autora distiguida co Día das Letras. As académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre organizan dúas xornadas de debate sobre “unha figura central da literatura infantil e xuvenil”.
 

María Victoria Moreno
photo_camera A escritora María Victoria Moreno. Foto: cedida.

A primeira delas, que comezará ás 16.30 horas na sede coruñesa da Academia, estará dedicada aos libros de Moreno. A profesora da Universidade de Compostela Blanca Ana Roig ofrecerá a conferencia inaugural, Un lugar de honra na LIX. Despois, o poeta Antonio García Teijeiro diseratrá sobre a poesía de Moreno.

Unha mesa redonda en que participarán Mercedes Queixas, Isabel Soto e Andrés Torres Queiruga, moderada por Xoán Babarro, e un recital poético con Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, García Teijeiro, Queixas, Babarro e Ana María Fernández porá o ramo ao primeiro dos días do simposio.

O 28 de novembro será a vida, a acción cultural e os traballos docentes de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939 – Pontevedra, 2005) os que ocupen o simposio académico. O seu amigo e biógrafo Xavier Senín abrirá as palestras con Xenerosidade e compromiso coa cultura galega. A mestra e a pegada do camiño ensinado será o título da charla de Fina Casalderrey.

A escritora Marilar Aleixandre conducirá a mesa redonda da segunda xornada. Nela sentarán o editor Manuel Bragado, a crítica e biógrafa da autora Montse Pena Presas, e a profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño. A conferencia de clausura pronunciaraa Xesús Alonso Montero, peza chave na incorporación de Moreno á defensa e práctica dsa cultura galega.

Comentarios