A Academia continúa a análise da figura de Murguía

A segunda xornada do centenario de Manuel Murguía afondou na idea de Galiza que desenvolveu o intelectual galeguista da man do politólogo Ramón Máiz e dos historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares.

Acto da RAG nesta quinta feira (Foto: Arxina).
photo_camera Acto da RAG nesta quinta feira (Foto: Arxina).

A idea de Galiza foi o eixe da segunda sesión das Xornadas Manuel Murguía, organizadas pola Real Academia Galega no centenario do pasamento do intelectual, figura fundamental do galeguismo e primeiro presidente da institución. 

O encontro celebrouse onte no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, o edificio onde Murguía estudou bacharelato e onde máis tarde exercería o cargo de xefe de terceiro grao do corpo de arquiveiros, bibliotecarios e anticuarios da universidade. 

O programa contou co politólogo Ramón Máiz e os historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares.

Ramón Máiz dedicou á súa intervención ao desenvolvemento do mito celta e a súa funcionalidade política. "Co desenvolvemento do mito da orixe celta do pobo galego, Murguía procurou reforzar non só a idea da existencia dunha comunidade, senón tamén o que se podería chamar "unha decisión de nacionalidade". Cómpre destacar é que o mito celta de Murguía adopta unha dirección modernizante e europeísta, progresista, cunha perspectiva politicamente liberal», engadía o profesor. 

"A proposta contrapoñíase así á mitoloxía do nacionalismo español conservador e tamén ao mito da idade de ouro medieval que defendía o rexionalismo tradicionalista de Alfredo Brañas, que se enfrontaba á modernidade, ao liberalismo político e ao parlamentarismo, lembra o politólogo. A finalidade última do mito era impugnar a estrutura centralista do Estado español. «Dado que somos unha nación, que temos un pobo distinto, unha cultura distinta, unha lingua distinta, merecemos un autogoberno, esa era a idea», resumiu Máiz.

 

Justo Beramendi, defendeu que o rexionalismo de Murguía pode considerarse case protonacionalismo. "Murguía é a figura máis importante para a elaboración dos fundamentos do que será despois o discurso nacionalista. O concepto da Galiza nación elabórao el xa na primeira parte da súa Historia de Galicia, de 1865", declaraba o profesor. 

Beramendi detívose no discurso que Murguía proxectou dende moi novo a través de medios de comunicación como La Oliva, o xornal fundado en Vigo en 1856 aproveitando a liberdade de prensa do Bienio Progresista, e referirase á participación do intelectual na Revolución Gloriosa de 1868 como secretario da Junta Revolucionaria de Santiago, a frustrada candidatura progresista ás cortes constituíntes ou o intento da posta en marcha da chamada Unión de Galicia en 1869, outro proxecto que tampouco callou. Máis adiante, de volta en Santiago de Compostela, Murguía sería o presidente da primeira organización política rexionalista, a Asociación Rexionalista Gallega (1890-1892), que se dotou do periódico La Patria Gallega como órgano de expresión, pero que acabou esmorecendo polas diferenzas co sector tradicionalista de Alfredo Brañas; e xa na etapa coruñesa, exercería de mentor principal do cenáculo de rexionalistas liberais coñecido como a Cova Céltica, repasa Justo Beramendi.

O director da Sección de Historia da Real Academia Galega e catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares analizou as contribucións de Murguía como historiador. "Murguía foi clave na construción dunha historia xeral de Galiza. A súa achega ao foi relevante porque modificou radicalmente, fronte aos cultivadores que o precederon, a forma de ver o pasado de Galiza", explicou.

Villares chamou tamén a atención sobre a importancia que Murguía lle deu sempre ao campesiñado, ao que dirixiu numerosas proclamas. "O patriarca sabía para quen escribía e por que o facía, dado que a súa obra, dito con palabras escritas por el en 1901, 'nace coa nobre aspiración de escribir acerca do noso país á maneira que os adiantos do século demandan'". Canto ao celtismo, coincide con Máiz en que foi «algo máis que un resultado historiográfico». «Foi o pedestal  no que colocou a idea de Galiza como nacionalidade», concluíu.

Comentarios