AcadaCanto atravesa o mar para levar a súa música a Arxentina e Uruguai

Son catro, un por cada canto. Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero atravesan o océano co seu proxecto aCadaCanto para tocar en Montevideo e Bos Aires. 

ACadaCanto
photo_camera ACadaCanto

O Teatro Avenida en Bos Aires máis o Centro Cultural de España de Montevideo, os grandes centros da emigración en Latinoamérica, reciben aCadaCanto, o proxecto musical no que Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero se xuntaron para dar nunha nova agrupación musical despois de ter participado de maneira combinada nas máis interesantes propostas do país. Como “unión de traballo temporal” definen os seus compoñentes esta proposta conxunta. 

O día 8 de maio en Uruguai e o 11 en Arxentina, serán as datas para as citas americanas da agrupación que sorprendeu coa solidez do traballo discográfico do mesmo nome.Fai case un ano de que, en xuño de 2012, se presentaron como agrupación co disco novo do trinque, sendo cada un deles ben coñecidos xa no panorama musical. Despois do primeiro concerto no Rosalía de Castro da Coruña, virían Lugo, Vigo, Carballo, Tui, Pontevedra, Silleda, Ponteceso ou Ferrol, enchendo en cada un deles, agrandando a cada pouco o impacto que produciron no primeiro encontro cun público que mostraba o desexo de que o que nacera como proposta efémera  pasara a se converter en estábel, ofrecendo moitos máis proxectos conxuntos. 

Como mostra do bo acollemento de aCadaCanto contabilízanse eses 12.000 visionados en quince días do videoclip do tema “Teu nome por mar e terra”, gravado por Karlos Abal. 

De un, de dous, de tres

" 12.000 visionados en quince días do videoclip do tema “Teu nome por mar e terra”,

Nordestinas, Espido, Berrogüetto, Nova Galega de Danza…son só algús dos proxectos musicais nos que teñen participado os membros de aCadaCanto, de maneira individual, a pares ou mesmo por tríos. Guillerme e Xabier Díaz son membros de Berrogüetto, grupo en que se escoitou a voz de Guadi; Xabier Díaz contou con Romero e Guillerme Fernández no su inicial Músicas de Salitre, Guadi cadrou tamén con Guillerme en Espido e Xavier e Guillerme conxeniaron para publicar o disco Arrolos de Salitre. ACadaCanto é así a singular aposta destas catro xa figuras da nosa música que coinciden nese cadrado con catro puntas en que se tece un traballo compacto e cunha liña estética definida. 

O disco da agrupación constitúe o sexto título que sae da man do selo discográfico Músicas do Salitre, formado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Coa súa sinatura viu a luz en 2005 o primeiro título Músicas de Salitre, para seguir con Espido de Guadi e Guillerme, Coplas para Icía de Díaz, Benzón de Guadi e Arrolos de Salitre de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os titulares da proposta.

Cos concertos de Montevideo e Bos Aires atravesan por vez primeira o océano para se achegar a unha nova audiencia americana. A súa proposta lírica, con marca de autoría propia na música e nas letras, con sinais de identidade afincados na tradición mais tamén na música máis contemporánea, aCadaCanto naceu como proxecto temporal, mais conta con todos os elementos para que a súa pervivencia sexa unha realidade. 

Comentarios