CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

AC/DC: rock ou fracaso!

O noso crítico de "Rock e outras Lerias" inaugura sección este sábado 6 de decembro co último traballo da lendaria banda australiana AC/DC.

AC
photo_camera Imaxe tirada do web da banda


Crítica de Rock or Bust (Columbia, 2014)

Seis anos tiveron quen pasar dende a publicación do seu anterior disco de estudo, Black Ice (Columbia, 2008), e os míticos roqueiros australianos volven co que é o seu décimosexto álbum de estudo. Rock or Bust (Columbia, 2014) chega nun dos momentos no que a banda non tiña unha situación boa. Primeiro, foi a retirada definitiva de Malcom Young, un dos fundadores da banda por enfermidade (sofre demencia), o que lle impediu participar na gravación do disco e foi substituído polo seu sobriño Stevie Young. En segundo lugar, a detención do seu batería Phil Rudd, acusado de intento de asasinato, ameazas de morte e tráfico de drogas, o que o afastará da banda e deixara a Angus Young como único membro orixinal.

Este novo traballo é o do disco máis curto de AC/DC,  non chega aos 35 minutos, con cancións curtas e directas, pero que despois de 6 anos de espera antóllanse irregulares no seu conxunto. Se alguén esperaba algo novo, que o vaia esquecendo. Nos 11 temas, tampouco atopará unha canción para a historia, mais se o que se  busca é un disco de AC/DC, con riffs coa sinatura dos Young, e a marcada batería propia de Rudd, este é unha boa elección. Brian Johnson demostra que con 67 anos a súa voz segue tendo a potencia suficiente, aínda que as veces teña que agocharse tras un muro de son para suplir algunha carencia. O exquisito traballo de produción de Brendan O'Brien fai que este sexa un disco fresco e directo, a pesar da súa irregularidade.

Con "Got Some Rock & Roll Thunder", retoman a súa influencia do blues, nun tema que canto máis o escoitas máis entra

O disco abre con “Rock or Bust”, o segundo single da banda. Directo, conciso e potente. Sen dúbida un dos mellores temas do álbum, para continuar con “Play Ball”, o que fora o primeiro single de adianto do disco, unha canción sinxela cun retrouso comercial. En “Rock the Blues Away” sorprenden os coros, que lembran máis aos Kiss que aos propios AC/DC.  Cos seguintes temas “Miss Adventure” e “Dogs of war”, o disco comeza a baixar. Son dous temas que ben poderían estar fóra do disco e non se notaría a falta deles. Con "Got Some Rock & Roll Thunder", retoman a súa influencia do blues, nun tema que canto máis o escoitas máis entra.  De “Hard Times” volve a darlle outro baixón ao disco, un tema totalmente prescindíbel. Se “Rock the Blues Away” volvía aos 80, "Baptism by Fire"  volve cara aos 70 para continuar en “Rock the House” cunha clara inspiración en Jimmy Page, mais o tema é un dos que se salva do disco. Se o disco rematara aquí non pasaría ren. “Sweet Candy” e “Emission Control” son dous temas que nada aportan, ágas que son de AC/DC.

AC/DC, despois de 40 anos, non inventaron a roda, e moito menos a si mesmos. “Rock or Bust” é un disco de continuidade, digno e propio de AC/DC. Obviamente contén cancións de recheo e non é o peor dos seus álbums. Mais o mellor está por chegar, esa xira que nos permitirá volver a desfrutar deles en directo, ocasión que non se debe desperdiciar.

AC/DC. Rock or Bust. (Columbia, 2014)
Dispoñíbel en CD e LP

Listaxe de Cancións
1.Rock Or Bust 
2.Play Ball 
3.Rock The Blues Away 
4.Miss Adventure 
5.Dogs Of War 
6.Got Some Rock & Roll Thunder 
7.Hard Times 
8.Baptism By Fire 
9.Rock The House 
10.Sweet Candy 
11.Emission Control 
Video do Single Play Ball:

AC/DC na rede:

Web Oficial: www.acdc.com
YouTube Oficial: https://www.youtube.com/user/acdc
Facebook oficial: https://www.facebook.com/acdc
Twitter: @acdc

Comentarios