Luz Darriba, artista plástica e escritora

'Abril', relato dunha historia de amor desenvolvida nun momento tráxico

O 25 de novembro, no Vello Cárcere de Lugo, Luz Darriba presentaba, arroupada por Marica Campo, a súa primeira novela escrita directamente en galego, Abril. Viaxamos da súa man até os escuros anos da chamada ditadura 'cívico-militar' arxentina para poder tirar, a través do amor, do fío da esperanza.
LUZ DARRIBA foto ALFREDO BOGIANNI
photo_camera A artista e colaboradora de 'Nós Diario', Luz Darriba, reside na Galiza desde 1990. (Foto: Alfredo Bogianni)

"Na vila de Muxía, na máxica Costa da Morte, entrecrúzanse historias de ida e volta atravesadas por décadas de falso ou meditado silencio. Andrea Neumann quere fuxir de canto a feriu nun pasado innomeábel na Arxentina. Luísa está alí, tentando ceibarse da súa caixa de cristal, para lembrarlle que o máis sinxelo é fuxir, porén, o máis doloroso é regresar". 

Así reza a sinopse de Abril, editado por Belagua, onde Luz Darriba relata "unha historia de amor desenvolvida nun momento tráxico". Di a autora que creou esta novela como "unha viaxe de coñecemento, para quen sexa doutra xeración ou quen non saiba moi ben o que pasou na Arxentina" de finais da década de 1970.

Abril é "unha maneira de visitar esa historia que eu e a miña xeración, tan duramente castigada, vivimos", pero Darriba non quere facer esa viaxe con rancor senón, "desde o punto de vista de valorar o que significa o recordo, a memoria histórica, como ferramenta de defensa, porque canto máis coñezamos o pasado máis poderemos pensar en construírmos un futuro máis xusto". 

A pesar de retratar a ditadura 'cívico-militar' arxentina, que entre 1976 e 1983 causou torturas, desaparicións e roubo de crianzas, a escritora quixo lanzar tamén, con Abril, "unha historia de esperanza que tratei de contar desde o corazón, de modo que non doese tanto e que tivese outro tipo de chegada, a través do lirismo, até lograr a confianza no ser humano".

Con esperanza e con memoria, a novela de Luz Darriba, combina, nos seus oito "tempos", o relato de ficción co documento das comunicacións da Forzas Armadas da Arxentina, que "comezaban e remataban cunha marcha militar, na avenida das Camelias, e que cando soaban os primeiros acordes, quedabamos conxeladas esperando a ver cal era a próxima barbaridade".

Alén da poética e da "metáfora" que alixeira a carga tan duran dunha época tan escura, a autora tamén quixo deixar nesta novela a pegada da arte plástica, tanto da propia como da familiar. "Incluín oito ilustracións miñas, tamén para darlle un descanso e un mimo a quen le", explica, para engadir que a portada de Abril é obra da súa irmá Josefina, recoñecida fotógrafa residente na Arxentina, que rescatou da memoria propia as nais da praza de Maio. 

E así, Abril é feminina, cunha capa para as mulleres, dedicada e protagonizada polo xénero, mais Luz Darriba fala de que "non foi unha escolla consciente, no sentido de intencional, senón que se me aparecían mulleres porque eu teño esa teima, como muller e como feminista.

E engade tamén que é preciso lembrar que nese capítulo da historia "as mulleres perdemos moitísimo máis porque ademais da violencia xeral, bestial, instalada na sociedade, tamén estaba, e non menos importante, a das propias casas".

Con esta novela, Luz Darriba deixa patente, non só a defensa feminista e necesidade da memoria, senón tamén o "interese pola ollada ligada á historia desde a ficción, como ferramenta para a de reparación".

Desta maneira, o futuro da autora traerá historias creadas no confinamento pero tamén rescatará "o diario de viaxe da miña nai, cando ela e mais o meu pai embarcaron como polisóns rumbo a Montevideo". 

A estrutura da novela, os 'tempos' de Abril

Di a escritora que esta novela pasou por moitas escritas, que estivo dous anos con ela. Narra que foi creada como anacos, como se fose unha manta de farrapos, "eu escribía partes da historia e logo fun ordenando ou acomodando de maneira que encaixasen unhas coas outras".

"O berro dunha xeración, acalado pola forza bestial dun xenocidio, renace na voz reprimida da seguinte", di Abril, "non importa canto tempo transcorrese, a verdade máis fonda, como a auga, atopa sempre o seu curso e o amor agarda por ela para recollela e aniñala".

E así se fai durante "Tempos de aprendizaxe", "Tempos sen lúas nin soles", "Tempos de perigos", "Tempos doutros exilios", "Tempos de confesións", "Tempos de infernos" e "Tempos de Abril". Cada un deles, dedicados por pares ás personaxes que percorren os diferentes momentos de Abril, como Andrea e Luísa, protagonistas en Muxía, Lili e A Rusa, Guillerme e Alfredo ou Fina. 

Os tempos teñen a ver, conta a escritora, "co que representa o transcurso, con nomear cada tempo co que pasaba ou co que eu pensaba que pasaba nese momento". "De 1976 en diante, era un tempo tan precario que non sabiamos se chegariamos ao día seguinte", relata e "comecei a pórlle nome de 'tempo de tal cousa' a cada capítulo, como se fose o único que puidese dar de si cada momento".

Entre a arte plástica e a creación literaria

Luz Darriba naceu en 1954, en Montevideo, no Uruguai. Trasladouse en 1970 coa súa familia a Bos Aires, na veciña Arxentina, e vive desde 1990 na Galiza. Filla da diáspora galego-asturiana no Río da Prata, estudou Belas Artes e Filosofía e Letras na Universidade de Bos Aires.

Como artista plástica realizou centos de exposicións e intervencións de gran tamaño en espazos públicos, como a que rodeou a muralla de Lugo con 659.000 libros, Cúmulum, durante a campaña de promoción da fortificación para ser declarada Patrimonio da Humanidade. Formou parte de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país (2005-2008).

E en 2010 retomou a súa vella vocación literaria, e publicou Toda a xente errante, a súa primeira novela (2012), premio Ánxel Fole; Xoguetes para nenos cegos (2015); e O que o vento non se levou, relatos para espertar a memoria (2016).

Comentarios