sábado 16/01/21
Preséntase este serán no Vello Cárcere de Lugo

'Abril', de Luz Darriba, unha novela que afonda na ditadura arxentina

A colaboradora de Nós Diario presenta, no patio do Vello Cárcere de Lugo, xunto á escritora Marica Campo, a súa novela Abril, na que pón o foco nas atrocidades da ditadura militar na Arxentina.
A artista Luz Darriba. (Foto: Tino Viz)
A artista Luz Darriba. (Foto: Tino Viz)

A artista plástica e escritora Luz Darriba presenta a súa primeira novela escrita en lingua galega, Abril, publicada pola editorial Belagua e que se presenta esta quinta feira ás 20 horas no patio interior do Centro Cultural O Vello Cárcere, de Lugo. 

No acto de presentación a autora estará acompañada pola tamén escritora Marica Campo.

Abril pon o foco na ditadura militar da Arxentina, que a autora nada no Uruguai viviu na súa mocidade, e as consecuencias sociais e individuais que supuxo para toda unha xeración. 

A artista plástica, que reside en Lugo desde 1990, dá testemuña neste libro das vidas marcadas por aquela ditadura militar que decorreu entre 1976 e 1983, e que levou ao asasinato, á tortura, ao encarceramento e tamén á desaparición de 30.000 persoas, e practicou a apropiación sistemática de bebés e de menores.

A pesar da súa dureza, Abril é unha novela chea de esperanza que “tece entre Galiza e o río da Prata, os fíos dunha manta que nos abeire e nos salve da barbarie dun pasado que esixe reparación e esperanza”, segundo reza a contracapa do libro. 

"O berro dunha xeración, acalado pola forza bestial dun xenocidio, renace na voz reprimida da seguinte", contan desde a editora. "Non importa canto tempo transcorrese, a verdade máis fonda, coma a auga, atopa sempre o seu curso. E o amor agarda por ela para recollela e aniñala", engaden.

Luz Darriba formou parte de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país, entre 2005 e 2008, e en 2010 retomou a súa vocación literaria.

Ademais de colaborar na sección de Opinión de Nós Diario, publicou Toda a xente errante, Xoguetes para nenos cegos e O que o vento non se levou. No ano 2012 foi merecedora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta.

comentarios