Abre a SELIC á procura dun novo modelo na promoción do libro

Un mes despois da tradicional feira do libro, abre na Praza da Quintana a Semana do Libro de Compostela, unha aposta xurdida desde o propio sector na procura de novos vieiros para a promoción do libro. 

selic
photo_camera Imaxe das primeiras horas da SELIC en Compostela [Imaxe: Twitter do Concello de Santiago]

Na tarde da sexta feira inaugurábase a primeira edición da SELIC, un proxecto posto en marcha polo Concello en colaboración co sector da cidade, que encherá a Praza da Quintana do 2 ao 11 de xuño con libros e unha chea de actividades ao seu redor "coa intención de amosar o potencial editorial e literario da nosa cidade". 

Francisco Macías, presidente de Compostela Literaria e director de Edicións Positivas, destacou que "a xente está moi contenta, tanto os visistantes como os do mundo do libro". E, sobre todo, "estamos xa a pensar no futuro, en que isto continúe e en como ilo mellorando", sinalou o editor, quen tamén destacou o feito de que están alí presentes tamén empresas e institucións doutros lugares de Galiza. 

Na  carpa instalada na Quintana desenvolverase unha intensa programación durante dez días, que acompañará aos 32 postos de editoras, librarías e institucións públicas e privadas. Presentacións de novidades editoriais, concertos, percorridos, obradoiros, grupos de traballo e clubs de lectura terán o seu espazo neste evento, no que estarán autores como Diego Ameixeiras, María Solar, Carlos Meixide, Rosalía F. Rial, Ismael Ramos, Emma Pedreira ou Martiño Suárez, entre moitos outros. 
 

Comentarios