Abre o prazo de inscrición dos Premios Youtubeiras, que incorporan unha nova categoría

Por primeira vez, haberá a categoría de "youtubeir@ revelación".
Presentación da sexta edición de Youtubeiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da sexta edición de Youtubeiras. (Foto: Nós Diario)

Hoxe abriu o prazo de inscrición para a sexta edición dos Premios Youtubeiras. As bases que rexen esta nova convocatoria foron anunciadas esta terza feira nunha rolda de prensa na que participaron edís dos diferentes concellos que forman parte da inciativa.

A concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, pola súa parte, detallou as novidades das bases deste ano. Por primeira vez, inclúese a categoría de "youtubeira@ revelación", que se suma as de "canle, youtubeir@, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público".

Ademais, modifícanse as contías dos premios en metálico. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público, para o que se reservan 500 euros. Ademais, este ano volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco. 

Xurado e entrega

A vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda, foi a encargada de desvelar a constitución do xurado que neste ano decidirá quen gaña en sete das oito categorías do certame.

Os integrantes do xurado serán Olaxonmario, gañador do premio ao "youtubeir@ do ano" na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego; e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018.

O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.

Comentarios