Abre o Pórtico da Gloria restaurado con entradas a 12 euros

Visitar o Pórtico da Gloria custa, desde inicio deste ano, 12 euros. Por primeira vez na historia da Catedral de Santiago, acceder a esta xoia do románico será de pago.
 

Pórtico da Gloria Policromía restaurada
photo_camera Pórtico da Gloria coa policromía restaurada. Foto: Fundación Barrié.

A propia catedral anunciouno hai unhas semanas. Unha vez rematadas as tarefas de restauración en xuño do pasado ano, financiadas pola Fundación Barrié, e logo duns meses de “programa de invitacións a profesionais, asociacións e colectivos en que participaron arredor de 2.500 persoas”, o Pórtico xa só se poderá contemplar previa retirada e pagamento de entrada.

“A Fundación Catedral de Santiago deseñou un novo sistema de visitas ao Pórtico da Gloria”, expón na páxina web, e este fará parte “do programa de percorridos temáticos do Museo Catedral de Santiago, de xeito que o acceso se realizará polo Pazo de Xelmírez, en grupos dun máiximo de 25 persoas e guiados por persoal do museo”.

A basílica afirma que o cobro de entrada “persegue o autosostemento [sic] do programa, da súa xestión e persoal, así como do mantemento e conservación do Pórtico da Gloria”. Segundo engade a fundación nunha nota de prensa, a empresa “encargada de xestionar os procesos de ticketing do Museo Catedral e do Pórtico da Gloria” é produto dun “concurso”.

Ao longo dos vindeiros meses, o Pórtico da Gloria permancerá separado por unha estrutura auxiliar das naves da catedral, “por cuestións de conservación e das obras que se levarán a cabo no interior da catedral”.

Comentarios