Abre as portas o museo da historia de Oroso para reflexionar sobre os avances "vertixinosos"

Oroso conta desde hai escasas semanas cun espazo para atoparse coa cultura tradicional galega. O museo, xurdido da colaboración entre o colexio Camiño Inglés e o Goberno da localidade, opera como recurso pedagóxico, escaparate do pasado do concello para visitantes e lugar de estudo da Historia da comarca de Ordes.
Sala da sección de etnografía do museo de Oroso. (Foto: Nós Diario) #etnografía #museo #oroso #historia
photo_camera Sala da sección de etnografía do museo de Oroso. (Foto: Nós Diario)

Espazo Pendeloque é o nome escollido por Oroso para designar o seu museo. A denominación procede do máis importante achado arqueolóxico do concello, o tesouro de Castro de Recouso, en Marzoa, onde destacan unhas arracadas, coñecidas popularmente por pendeloques, unha tipoloxía de pendentes que colga das orellas. Precisamente, a sección de arqueoloxía, formada por 65 pezas, é unha das catro coas que conta o espazo.

A totalidade do material exposto nesta parte do museo procede da colección conformada durante anos pola Asociación Cultural Obradoiro da Historia, entidade presidida por Manuel Pazos, cunha traxectoria de anos na investigación do pasado da mesma comarca de Ordes. Así, na mesma atópanse unha gubia, tres “pedras do raio”, catro machados da época megalítica e diversas pezas da Idade de Ferro, como 18 fragmentos de cerámica castrexa encadrados cronoloxicamente entre o século IV antes de Cristo e inicios do século I despois de Cristo.

O legado arqueolóxico 

Manuel Pazos destaca, en declaracións a Nós Diario, que “contamos tamén con diverso material da etapa da romanización, entre elas dous fragmentos cerámicos, catro anacos de muíños circulares, dúas fusaiolas, dez moedas dos séculos III e IV, diferente material de construción e unha doa ou conta de colar de pasta vítrea”. Na área de arqueoloxía, a peza máis recente é un reloxo de sol de mediados do século XIX.

A sección de etnografía é unha das máis completas do conxunto. Conta con espazos referidos ao fogar, aos traballos tradicionais, á música, á infancia e á escola, esta última elaborada en parcería co Museo Pedagóxico da Galiza. Neste sentido, Pazos salienta que “amosamos un pequeno recuncho escolar coa intención de reflexionar sobre o pasado e tamén o futuro da educación, tendo en conta o estudo da historia como arma política, a Igrexa, o papel da muller na sociedade ou a autoridade”. A carón dos cambios na escola, repárase, en palabras de Pazos, nos “xogos da infancia pre-internet, actividades que deixan espazo á imaxinación e á creatividade”.

O mundo do traballo ocupa un lugar principal nesta área. Tense moi presente o tradicional carácter agrario da comarca, recolléndose unha importante colección de ferramentas previas á tecnificación da actividade, construídas maiormente de maneira artesanal e de cuxo funcionamento correcto dependeu naquela altura a subsistencia da sociedade. Neste sentido, a exposición garda un lugar para os labores téxtiles, cun percorrido polos obxectos necesarios para cada unha das partes do proceso do liño. “Nestes momentos parécenos imposíbel que as familias teñan os coñecementos suficientes para crear os seus propios tecidos, por iso é importante mostrar isto”, apunta Pazos.

A sección etnográfica

A vida cotiá pódese seguir en diversas partes do museo. Os traballos da casa, cando, en palabras de Pazos, “as tarefas do fogar eran realizadas polas mulleres, que utilizaban poucos utensilios eléctricos ou moi rudimentarios”, o aseo, a cociña, a comida, a costura mais tamén o lecer. Nesta liña, Pazos lembra a presenza da música “como un dos signos de identidade máis específicos da cultura, cos seus instrumentos máis característicos, como a gaita e o pandeiro, ou o baile mais o canto”.

A tecnoloxía representa un dos aspectos máis orixinais da sección de etnográfica do conxunto. A este respecto, Pazos pon de manifesto que “a evolución da fotografía, da gravación e reprodución de audio, da informática, está sendo vertixinosa nos últimos tempos. Desta maneira obxectos que apenas teñen 20 ou 30 anos convértense  en obsoletos sen remedio. Por iso facemos un percorrido por obxectos que se deixaron de usar despois dun auxe fulgurante, porque a tecnoloxía tan rápido nos dá unha sensación de modernidade como nos converte en antigos”. 

A fotografía conforma a terceira sección deste proxecto museístico. A este respecto, o Espazo Pendeloque dálle continuidade a anteriores iniciativas do Goberno de Oroso de recuperación da memoria gráfica, parte da cal está recollida en publicacións promovidas polo concello. Segundo Pazos, “a selección fotográfica recolle imaxes dos anos 50, 60 e 70 do século pasado da nosa comarca. A maior parte delas realizadas polo fotógrafo de Oroso Victorino Verea e referidas a situacións cotiás do traballo agrícola e doméstico, pero tamén festas e acontecementos que tiñan especial relevancia para as nosas veciñas e veciños”. 

Comentarios