Cultura

Aberta a inscrición no programa Galicia Emerxe

O ciclo de concertos acepta grupos e artistas profesionais até o 23 de xuño
Tanxugueiras é un dos grupos que viu aprazados os seus próximos concertos en Vilalba e Monterroso.
photo_camera Tanxugueiras en concerto.

O programa Galicia Emerxe abre prazo de inscrición. Esta iniciativa contémplase dentro do Plan de reactivación da cultura e o turismo como unha das medidas específicas para o sector musical, no que as accións se restrinxen a adaptacións de liñas de axuda existentes e ciclos de programación vencellados ao Xacobeo, como é o caso. Esta subvención recóllese na categoría de convocatoria "modificada", polo que se intúe que se trataría dunha liña xa prevista.

Trátase dun ciclo que se desenvolverá durante o mes de setembro de 2020 con concertos de artistas e grupos profesionais galegos. As actuacións celebraranse no Museo Centro Gaiás (Compostela) e combinarán, nun modelo mixto, a presenza de público coa emisión en liña e televisada. Neste senso, o programa conta coa colaboración da CRTVG para emitir os concertos, que adaptarán o formato para ser difundidos tamén pola Radio Galega, así como noutras plataformas dixitais.

Requisitos e escolla

A Xunta da Galiza vén de convocar, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o perído de inscrición para intérpretes e bandas interesadas en participar en Galicia Emerxe, que poden mandar as candidaturas até o 23 de xuño de 2020. a través da plataforma virtual Galescena.

Os requisitos de participación contemplan grupos e/ou artistas galegas profesionais de calquera estilo musical, sempre e cando teñan domicilio fiscal na Galiza. Segundo recolle a orde, unha vez finalizado o prazo, unha comisión externa nomeada pola dirección da Agadic seleccionará as participantes tendo en conta, entre outros, criterios como "uso da lingua galega, presenza feminina, calidade artística e traxectoria profesional".

As candidaturas seleccionados enmarcarase en distintas modalidades atendendo ao caché presentado, que pode oscilar entre os 10.000 e os 2.000 euros.

Comentarios