Abe Rábade: “Como o resto da industria cultural do país, a do jazz está a ser desmantelada”

Abe Rábade é un dos músicos máis destacados da escena nacional do jazz, tanto que o seu prestixio xa acadou o mercado internacional. Pianista e batería, o artista compostelán atópase actualmente de xira por Centro América. Sermos Galiza quixo acompañalo nesta expedición á outra beira do Atlántico.
Abe Rábade
photo_camera Abe Rábade


Como está a ser a resposta do público de América Latina nos teus concertos?

Moi boa! Xa tocamos en Costa Rica e El Salvador, e demos o primeiro dos tres concertos programados en Guatemala; despois viaxaremos a México para cinco actuacións máis. A acollida é fabulosa e o público, tremendamente receptivo e agarimoso. En San Salvador, por exemplo, están facendo este ano a primeira edición do seu Festival de Jazz e, dalgún xeito, percíbese esa enerxía entusiasta dos comezos. En Costa Rica, tivemos a oportunidade de participar nun macro-festival chamado TransitArte; o evento decorreu durante tres días nun grande parque, con actividades desde a mañá até a noite e en varios escenarios. Alén dos concertos, tamén estamos facendo un master classes. É fantástico contactar con rapaces que están iniciando as súas carreiras e que mostran unha ansia por aprender moi forte.

En contraste, como é o público e o mercado galegos no que respecta ao jazz?

Creo que nos últimos anos existe unha moi crecente apreciación do jazz na Galiza. Cada vez é máis común atopar afeccionados ao xénero no noso país. Neste paulatino ascenso do jazz, xogan un papel central as novas xeracións de jazzistas que forzan con enerxía a apertura de novos espazos para a difusión desta música. Pese ao escasísimo apoio institucional, cómpre valorar moi positivamente o labor de locais que manteñen a música ao vivo entre as súas prioridades. Canto ao público, malia que minoritario, o seu número vai en aumento e o seu entusiasmo e coñecemento son fortes.

É complicado comer deste tipo de música?

Creo que os tempos están moito máis difíciles que hai uns anos. O tecido da industria cultural galega está a ser desmantelado e, obviamente, iso afecta tamén o jazz. Esta situación é moi desalentadora para os novos talentos da Galiza, xa que escasean os concertos que puidesen garantir un sustento económico. No meu caso particular, vivo do jazz grazas aos concertos, nestes momentos máis abundantes fóra do país, á docencia no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e na Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo do Porto, ben como ás encomendas de composicións e arranxos.

Sería necesario integrar estudos de jazz en todos os conservatorios do país?

A oficialización dos estudos de jazz na Galiza foi feita sen o consenso da comunidade jazzística do país. Eu teño a esperanza de que se atope unha fórmula que garanta unha educación oficial en jazz de primeira calidade e cun amplo acordo entre as persoas que temos unha contrastada experiencia profesional. Son da opinión de a presenza do jazz nos Conservatorios de grao medio ser moi necesaria.

Nunha reportaxe publicada recentemente en Sermos, compañeiros seus denunciaban a vixencia do estereotipo do músico de jazz negro e americano...

O pobo afroamericano é fundamental na ortodoxia do jazz. Iso é así. Mais eu creo que é unha música que, dende as súas orixes, sintetizou elementos culturais de tradicións tan distantes como a clásica europea e a africana nun terceiro continente, América, tende xa de partida á integración e á apertura. Este é o ideal que eu defendo. Creo que esta idea está moi presente no jazz a día de hoxe, onde se internacionalizou o xénero de tal modo que non cómpre funcionar con estereotipos raciais.

Comentarios