Abandono definitivo da dirección do festival de cinema de Ourense

A través dun comunicado Fran Gayo e Analía Alonso dan por acabada a súa etapa no OUFF ao non ter, a catro meses do inicio do evento, unha proposta firme e formal que garanta poder realizar un certame nas condicións que entenden necesarias.

alcalde ourense fran gayo
photo_camera O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (dereita), e o director do festival, Fran Gayo, na edición de 2017. Foto: Festival de Ourense.

Fran Gayo e Analía G. Alonso, encargados da dirección do Festival de cinema de Ourense desde 2016, déixano. Unha decisión que fan pública a través dun comunicado no que falan de decisión “triste e difícil” mais tamén “irrevocábel”. “Sentimos que non fica máis saída”, afirman, indicando que a catro meses do comezo de OUFF2018 non teñen una proposta “formal e firme” que garabnta a realización dun evento tan importante.

Gayo e Alonso tomaron o mando do certame en 2016. Efectuaron un xiro na súa programación e dimensión, que consolidou en 2017. En febreiro deste ano, o equipo presentou a súa renuncia. A razón, a demora nos pagamentos por parte da Administración local a provedores, membros do festival e mesmo aos filmes premiados. “Non foi un feito illado, senón que se engadía a unha serie de situacións moi graves, alleas ao equipo do festival, que se deron durante os prepartivos da 22ª edición”, sinalaban naquela altura, “e que causaron a caída de varios patrocinadores interesados”.

O mundo do cinema apoiou a continuidade de Gayo no festival de Ourense. “Ante a situación en que se atopa o Festival de Ourense e a raíz dos últimos acontecementos, os abaixo asinantes queremos expresar o noso total apoio á xestión do equipo artístico de Gayo como director artístico e de Alonso como produtora xeral”, comeza o documento. Entre os asinantes, primeiras figuras do cinema galego recente como Óliver Laxe, Andrés Goteira, Alfonso Zarauza, Anxos Fazáns, Xacio Baños, Diana Toucedo ou Lois Patiño.

Comentarios