A AAAG outórgalle o Premio Marisa Soto á Mostra de Teatro de Cangas

O galardón entregarase na gala dos Premios María Casares de Teatro que decorrerá o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
PRESENTACI+ôN 38 MOSTRA (1)
photo_camera Imaxe de arquivo da presentación da XXXVIII edición da Mostra de Teatro de Cangas. (Foto: Nós Diario)

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) deu a coñecer nesta sexta feira o seu veredicto sobre o Premio de Honra Marisa Soto, que recae desta vez na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (Mitcf) de Cangas.

Deste modo a profesión teatral recoñece o labor da Mitcf “a prol do noso sector escénico”. O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano decorrerá o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A Mostra de Cangas únese agora a unha lista de homenaxeadas que inclúe, entre outros nomes, Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, a Sala Nasa ou Flor Maceiras, quen levou esta distinción o ano pasado. 

A AAAG premia deste modo “a longa traxectoria da MITCF”, unha cita que vén desenvolvéndose no Morrazo desde 1984, cando a Asociación Xiria fundou o festival “que transcende as nosas fronteiras e que neste 2021 realiza a súa XXXVIII edición”, que vai decorrer entre o 1 e o 10 de xullo. 

“Co Marisa Soto quérese recoñecer o labor na creación de públicos e para fornecer carreiras profesionais”, explica a AAAG no seu comunicado. Para a asociación, “Cangas representa para o conxunto da profesión un punto de encontro, un lugar de agarimoso abeiro e un enorme referente cultural que serviu, serve e servirá para construír o sector teatral”.

A xunta directiva da AAAG tamén quere recoñecer con este galardón, asegura, “o importante labor, pioneiro e referencial, das xornadas Mulleres en Acción”, que se organizan no marco da Mostra de Cangas.

A asociación destaca da Mostra que “abriu camiño ao ser o primeiro festival do Estado español en aplicar criterios de paridade e igualdade na súa organización e na súa programación”. “A xunta directiva da AAAG quere recoñecer en definitiva o valor que atesoura a Mostra de Cangas para o colectivo, tanto para o noso sector como para o conxunto da sociedade”, insisten.

A historia da Mitcf

A Mostra de Cangas naceu da man da Asociación Cultural Xiria, creada á súa vez un ano antes polo impulso dun grupo de persoas, na súa maioría docentes. Lanzouse a proposta de que a futura mostra adquirise un xénero e unha personalidade singulares e Xiria decantouse polo humor e o carácter festivo do Entroido de Cangas. Así, nacía no verán de 1984 a primeira edición dunha mostra que agora chega á súa XXXVIII edición.

Comentarios